Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui contratará a 22 persoas ao abeiro do Plan de Concellos da Deputación Provincial

15/02/2016


O Concello de Tui vai contratar a 22 persoas desempregadas ao abeiro da liña 4 do Plan de Concellos da Deputación de Pontevedra para a conservación e funcionamento de bens e servizos municipais.


En concreto Tui solicitou a contratación de 5 peóns varredores, 5 peóns de obras públicas, 3 albaneis oficiais de segunda, 1 carpinteiro oficial de segunda, 1 condutor de camión oficial de segunda, 1 soldador oficial de segunda e 6 auxiliares administrativos. A Oficina de Emprego de Tui será a encargada de realizar a sondaxe de candidatos entre os inscritos na mesma. Os contratos serán de 35 horas semanais e rematarán o 31 de decembro deste ano.


Segundo se recollen nas bases do Plan Concello 2016 "Os traballadores que sexan contratados para realizar as obras ou prestar os servizos polos que se outorgue a subvención deberán ser persoas desempregadas, non perceptoras de prestacións ou perceptoras de prestacións sociais destinadas a garantir os recursos económicos mínimos de subsistencia (RISGA, RAI, PREPARA e outros), inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes non ocupados e que estean dispoñibles para o emprego. Estes requisitos deberán cumprirse tanto no momento da selección coma no da formalización do contrato."