Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui continúa a mellorar os seus centros de compostaxe comunitario

20/10/2022

O Concello vén de renovar e limpar estes composteiros, amais de instalar novos caixóns para o estruturante e para gardar as ferramentas de traballo

O Concello de Tui continúa apostando pola compostaxe coa renovación e continuo mantemento dos composteiros municipais ubicados no centro urbano da cidade. O persoal municipal levou a cabo, nos últimos días, tarefas de limpeza profunda nos composteiros municipais, cambiando adhesivos e carteis para a mellora e accesibilidade dos centros de compostaxe.

Agora, nunha actuación conxunta coa Deputación de Pontevedra no marco do Plan Revitaliza, póñense á disposición da veciñanza novos caixóns para estruturante, o material esencial para facer compost, e tamén para gardar as ferramentas de traballo de mantemento. Estes contedores están construídos con taboleiro mariño e con plástico reciclado de cor marrón para a súa integración co mobiliario urbano.

Con esta aportación búscase mellorar a imaxe dos centros de compostaxe comunitario, retirando os antigos caixóns de aceiro inoxidable, e tamén favorecer a comodidade tanto do uso dos composteiros por parte da veciñanza coma de mantemento por parte dos técnicos municipais.

Os seis centros de compostaxe comunitario están situados na parte traseira e no lateral do edificio Francisco Sánchez, na rúa Tenencia, na prolongación da rúa Casal Aboy preto da intersección coa Avenida da Concordia, na rúa Ourense, e a carón da praza de Abastos.