Pronóstico de Tutiempo.net
Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui conta con catro centros de compostaxe comunitaria no centro urbano

31/08/2021

Nas últimas semanas abriron dous novos na prolongación de Casal Aboy e a carón da Praza de Abastos

O Concello de Tui conta con catro centros de compostaxe comunitaria no centro urbano, tras a apertura  nas últimas semanas dos centros situados na prolongación da rúa Casal Aboy e a carón da Praza de Abastos.  Estes centros de compostaxe comunitaria poden acoller e xestionar residuos orgánicos de até 650 persoas. O obxectivo destas localización é dotar de composteiros  a estas areas da cidade, facilitando o uso deste servizo as persoas que viven nestas zonas.

Dende que en 2017 se puxo en marcha o Plan de Compostaxe Municipal, a través do Plan Revitaliza da Deputación, téñense xestionado máis de 100 toneladas de bioresiduos a través da rede de composteiros comunitarios. 

O obxectivo para este 2021, recollido no Plan de Compostaxe Municipal, é contar con seis centros de compostaxe comunitaria, e 500 composteiros individuais nas vivendas de todo o termo municipal.  

O uso dos composteiros comunitarios

O uso dos composteiros comunitarios é moi sinxelo, e nos carteis informativos situados en cada un deles explícase o que se pode depositar e como facelo, e o que non.

Os restos orgánicos débense depositar no módulo sinalizado cun punto verde. A continuación débense cubrir co estruturante dispoñible nos caixóns laterais. A carón dos composteiros hai dispoñible unha billa.  As persoas que teñan calquera dúbida poden contactar coa mestra composteira municipal no 687 24 99 53 no correo electrónico en compostaxe@tui.gal.