Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui conmemora os 25 anos do primeiro monumento colectivo á memoria dos represaliados

10/06/2024

Este sábado inaugúrase unha exposición e o domingo 30 haberá un acto na Alameda de San Domingo

O 27 de xuño de 1999 inaugurábase na Alameda de San Domingos o Monumento aos Represaliados, obra do escultor Silverio Rivas,  por iniciativa da Comisión cidadá pola Verdade do 36. Este mes, cando se cumpre o 25 aniversario daquela data, haberá dous actos conmemorativos. O primeiro será este sábado, 15 de xuño, na Sala Municipal no edificio Francisco Sánchez, coa inauguración dunha exposición, e o segundo o sábado 29 na propia Alameda de San Domingo. O programa de actos conmemorativo, organizado Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, O Condado e A Louriña, e o Concello de Tui, presentouse esta mañá na casa do concello de Tui.

Participaron na presentación o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro; a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente; a presidenta da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, O Condado e A Louriña, Helena Pousa, xunto ao director da actual Comisión e que formou parte da Comisión Cidadá pola Verdade do 36,  Ramón Fernández Leal, e a comisaria da exposición, Cuqui Piñeiro.

O alcalde, Enrique Cabaleiro, destacou que “o Concello de Tui, coma institución, non podía ser alleo á conmemoración deste aniversario”, subliñando como o levantamento do monumento tudense foi “un acto pioneiro de memoria histórica”. Tivo palabras de recoñecemento para Antonio Fernández Rocha, alcalde de Tui no momento en que se ergueu o monumento, “que foi plenamente consciente da necesidade de render tributo ás persoas represaliadas polo franquismo no ano 36 en determinados lugares deste concello, que sufriu coma ningún outro a represión franquista dunha forma brutal”. Aquel acto, dicía, “foi meritorio dende o punto de vista social e político”. O alcalde destacou que o Concello quere ser parte moi activa da conmemoración deste aniversario e fixo un chamamento á cidadanía para acudir aos actos, salientando que cumpren tres obxectivos: “lembrar o papel pioneiro da sociedade civil de Tui e da comarca na recuperación e rehabilitación da memoria dos numerosos veciños e foráneos que foron vítimas da represión durante os tempos da guerra civil e a ditadura de Franco; manter acesa esa memoria ao abeiro do establecido na Lei de Memoria Democrática; e promover a vontade de recuperación mediante actividades de dinamización cultural que contribúan a unha implicación ampla da cidadanía tudense e da súa contorna nesta celebración”.

A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, indicou “a importancia de seguir recuperando a nosa memoria histórica”, subliñando que o Concello de Tui tiña que estar presente nestes actos conmemorativos.

Helena Pousa explicou que a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, O Condado e A Louriña deu continuidade ao traballo realizado pola Comisión pola Verdade do 36, e que parte dos membros daquela comisión creada a finais dos 90 están presentes nesta outra asociación.

Ramón Fernández Leal, que foi directivo  da Comisión pola Verdade do 36 fundada en 1996, explicou que “este foi o primeiro monumento de carácter colectivo en Galicia de memoria histórica”. Os actos conmemorativos deste 25 aniversario consistirán nunha exposición que será inaugurada este sábado, ás 20 h na Sala Municipal e un acto na Alameda o sábado 29, con tres apartados: un musical no que participarán o grupo Os Carballas e Samuel Diz; un poético con Pepe Cáccamo, Cecilia Riobó, Francisco Álvarez Koki e Cristal Méndez, e a intervención do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, as escritoras Marga do Val e María Reimóndez, e o escritor e xornalista Jose Viale Moutinho. Lembrou coma a Comisión pola Verdade do 36 foi a primeira en Galicia na recuperación da memoria histórica.

Cuqui Piñeiro, comisaria da exposición, explicou que a mostra estará dividida en catro apartados: o relato da Comisión Cidadá pola Verdade do 36, a exposición dos pintores que formaron parte da poxa para recadar os cartos para o monumento, unha homenaxe a Silverio Rivas e ao monumento, e por último, unha semblanza dos represaliados, que se recollerá tamén no catálogo da exposición.