Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui conmemora o Día Mundial da Infancia cun Pleno Infantil e Xuvenil sobre os dereitos dixitais

20/11/2025

Mañá o grupo Partuicipando asistirá ao Pleno do Parlamento de Galicia

Con motivo do Día Mundial da Infancia, que se conmemora cada 20 de novembro, esta mañá no Espazo Sociocultural da r/Camilo José Cela o Concello de Tui celebrou un Pleno Infantil e Xuvenil, coa participación da meirande parte dos centros educativos do municipio.

Alumnado dos CEIP’s de Caldelas, Guillarei, Pazos de Reis, Nº1, Nº2, Randufe, Colexio Maristas, e os IES San Paio e Indalecio Pérez Tizón, transmitiron as súas inquedanzas e as súas propostas sobre os dereitos dixitais.  Tema no que incidiron tamén os representantes do grupo municipal de participación infantil e xuvenil ParTuicipando, que traballa durante todo o ano na promoción dos dereitos da infancia e a adolescencia.

A tenente alcalde, Ana Núñez, deu a benvida ao alumnado e profesorado, reflexionado sobre o momento en que vivimos no  que “os dereitos dixitais son un gran reto para a sociedade do presente e do futuro”.  A concelleira de Cultura, Ensino e Mocidade, Sonsoles Vicente, agradeceu a participación neste evento que ten por obxectivo escoitar aos nenos e nenas, mozas e mozos, sobre un tema tan importante coma “Dereitos Dixitais: propostas para unha contorna en liña segura”.

Así dous alumnos ou alumnas de cada centro educativo puxo o foco, na súa intervención, nos retos e oportunidades que ofrece o entorno dixital para a mocidade, pero tamén nos riscos que hai, elaborando propostas desde a mirada e experiencia da propia infancia. Nese senso demandaron dar a coñecer os dereitos dixitais e contar cunha lei que os regule, tamén alertaron de perigos coma o ciberacoso, o acceso prematuro á pornografía, ou a falsificación de imaxes con IA. Demandaron poder contar cun entorno dixital seguro. Solicitaron a creación de espazos alternativos fóra das pantallas para poder xogar, charlas tanto para o alumnado como para as súas familias sobre ciberseguridade ou control parental, e a realización de obradoiros con temáticas alleas á tecnoloxía.  As propostas foron escoitadas con atención por parte das concelleiras Sonsoles Vicente e Ana Núñez, así por outros concelleiros e concelleiras da corporación municipal que asistiron á sesión.

Hoxe, como mostra de compromiso co cumprimento dos dereitos da infancia e a adolescencia, o Concello de Tui iluminará a súa fachada en cor cian, a cor das Nacións Unidas, simbolizando así o apoio institucional á mocidade tudense e aos principios recollidos na Convención dos Dereitos do Neno.

Participación no Pleno Infantil e Xuvenil do Parlamento de Galicia

Mañá venres, unha representación do grupo ParTuicipando, acompañada pola concelleira de Ensino, participará no Pleno Infantil e Xuvenil do Parlamento de Galicia, onde se abordarán as propostas xurdidas do Encontro Galego de Consellos Locais de Participación Infantil e Xuvenil, celebrado en Nigrán no mes de outubro.
Neste encontro, o grupo tudense compartiu un fin de semana de convivencia e traballo con outros grupos de participación de toda Galicia.