Tui conmemora o Día Internacional da Muller co lema “Contra o negacionismo, máis feminismo”
O venres terá lugar o acto central, pero o programa previsto abrangue actividades ao longo de todo o mes
“Contra o negacionismo máis feminismo” é o lema da programación organizada polo Concello de Tui con motivo do 8M, Día Internacional da Muller. A imaxe da campaña foi realizada por segundo ano consecutivo pola ilustradora Alba Casanova. Dende este xoves a casa do concello iluminarase de morado e lucirá unha pancarta coa imaxe e lema da campaña.
O acto central terá lugar este venres, 8 de marzo, pero as actividades prolóngase ao longo de todo o mes con encontros coas escritoras Belén Varela e Inma López, o roteiro teatralizado Camiñando con Elas, a xornada de networking entre mulleres de Galicia e Portugal “Mulleres Conectadas”, unha charla da futbolista Paula Dapena, entre outras propostas.
A concelleira de Igualdade do Concello de Tui, Ana Núñez, explica que “a campaña deste ano reivindica máis feminismo, máis apoio e máis forza para loitar contra o negacionismo”. Engade que no momento actual “o ascenso da ultradereita, negacionista da violencia de xénero e antifeminista, está a provocar un retroceso nos dereitos acadados polo feminismo alí onde gobernan”. Sinala Ana Núñez que “hoxe eses dereitos non está asegurados ao cento por cento e os momentos que estamos vivindo poden vir seguidos de retrocesos, por iso máis que nunca é tempo de estar moi atentos, de contrarrestar os discursos negacionistas que buscan deslexitimar ao movemento feminista, e de apoialo para continuar avanzando o camiño da igualdade entre homes e mulleres”. Conclúe a responsable de Igualdade que “reivindicamos máis feminismo coma a única fórmula para seguir avanzando cara unha sociedade mellor, máis igualitaria, sostible, e democrática” porque di “so con máis feminismo seguimos avanzando”.
Tras o inicio o pasado venres, 1 de marzo, do club de lectura “Tempo de mulleres” dinamizado por Cristina Fernández Ameal, e a celebración o sábado 2 do obradoiro “Tecendo Feminismo” a seguinte cita será este xoves, 7 de marzo, ás 19.30 h na Sala Félix Rodríguez cun encontro coa escritora Belén Varela que presentará o seu libro “El cielo de los imperfectos”.
Este venres, 8 de marzo, ás 18.30 h no edificio da praza da Inmaculada terá lugar o acto conmemorativo deste Día Internacional da Muller. O programa previsto comezará coa acción artística “Deshabitada” a cargo da actriz Nerea Brey e a videocreadora Miriam Rodríguez. A continuación mulleres tudenses darán lectura ao manifesto deste 8M de 2024.
Xa ás 19.30 h, no salón de actos do Conservatorio Profesional alumnado do centro ofrecerá un concerto-homenaxe a mulleres compositoras ao longo da historia. E por último ás 21 h no Teatro Municipal proxectarase “O Corno” de Jaione Camborda. As entradas para a película están á venda en tui.gal.
O programa do 8M continuará este domingo, 10 de marzo, co roteiro teatralizado Camiñando con elas que sairá ás 11 da praza da Inmaculada.
O xoves, 14 de marzo, ás 20 h na Sala Félix Rodríguez haberá unha charla da deportista Paula Dapena co título “A futbolista galega que se negou a gardar un minuto de silencio por Diego Armando Maradona”.
O venres, 15 de marzo, celebrarase, na aula da UNED unha nova edición de “Mulleres conectadas”, a xornada de networking entre mulleres que este ano adquire carácter internacional ao abrirse a participación á Eurocidade Tui-Valença.
Xa o xoves 21, está programado un encontro coa escritora Inma López que presentará o seu libro “Escola de mulleres”. Será ás 19.30 h na Sala Félix Rodríguez.
Amais destas actividades esta semana, o venres 8 e o sábado 9, as librarías de Tui ofrecerán un 5% de desconto na sección especial “Feminismo” onde ofertarán libros sobre feminismo, empoderamento feminino, e outros que permitirán descubrir a mulleres importante ao longo da historia. Tamén ao longo deste mes de marzo a Biblioteca Municipal contará cunha sección especial con esta temática.
A campaña do 8M complétase coa participación os luns deste mes de marzo, ás 10 h no Club de Emprego no programa Día a Día da Radio Municipal de “Mulleres líderes” tudenses. Amais a través das redes sociais de Quero Tui porase en valor ás mulleres comerciantes da cidade e a súa aportación á economía local coa campaña “Elixe Igualdade”.