Tui celebra a terceira edición de Mulleres Conectadas, un encontro de mulleres, empresarias, emprendedoras e directivas
Este ano terá carácter internacional ao abrirse á participación a Portugal
O próximo venres, 15 de marzo, celebrarase a terceira edición do Networking Mulleres Conectadas, que forma parte da programación organizada polo Concello con motivo do 8M, o Día Internacional da Muller. Este evento terá este ano carácter internacional ao abrirse a participación a mulleres tanto de España coma de Portugal a través da Eurocidade Tui-Valença. O obxectivo do networking é brindar un espazo de encontro entre mulleres empresarias, emprendedoras e directivas para crear oportunidades de negocio e exitosas colaboracións.
“Mulleres Conectadas” desenvolverase na Aula da UNED, na rúa Antero Rubín, de 9.30 a 14 h.
O programa previsto comezará ás 9.30 h coa recepción das participantes. A continuación a concelleira de Emprego e Igualdade do Concello de Tui, Ana Núñez, dará á benvida ás participantes dando paso á actividade de Networking. Ás 10.45 h está prevista unha charla a cargo da alpinista e referente deportiva Chus Lago. Tras unha pausa, ás 12.30 h, intervirán varias mulleres líderes de España e Portugal, para continuar coa actividade de Networking. Ás 13.30 h está previsto un monólogo da actriz galega Arantxa Treus.
A clausura da xornada está prevista ás 14 h a cargo da vereadora da Cámara de Valença, Ana Paula Xavier.
A participación en “Mulleres conectadas” é gratuíta. As mulleres interesadas deben descargar de tui.gal o modelo de inscrición e envialo cuberto a circulodocente@esinor.com.
Ao remate da xornada haberá un xantar-networking en La de Manu para o que é preciso inscrición previa.