Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui celebra o Día Internacional do Turismo amosando o seu potencial ambiental

22/09/2023

O río Miño, o Balneario de Caldelas e o Viveiro de Areas son os protagonistas dun programa de experiencias para achegar á veciñanza tudense a recursos turísticos que posúen unha  alta capacidade de desenvolvemento.

Un ano máis o concello de Tui celebra o Día Internacional do Turismo, que se conmemora o mércores 27 de setembro,  e farao nesta ocasión pondo en marcha  unha completa programación que durará ata a fin de semana e que  combinará actividades para a cidadanía con actividades para os profesionais do  sector turístico que opera na cidade, poñendo o aceno nos investimentos verdes tal e como marca a temática desta efeméride internacional.

A programación  do Día Internacional do Turismo 2023 está enfocada,  da man dos actores locais, a  dar visibilidade aos recursos turísticos verdes menos coñecidos ou asociados á marca do destino e que representan unha oportunidade de desenvolvemento. 

As accións previstas comezan o 27 de setembro con un balance dos investimentos verdes previstos para o período 2023-2025 no patrimonio natural e cultural no concello tudense destinados a crear equipamentos e infraestruturas resilientes, adaptadas ás novas demandas da veciñanza a atractivas ao turismo e as persoas visitantes. 

O 28 de setembro ás 18.00 h na Sala Félix Rodríguez, no Edificio Francisco Sánchez realizarase unha xornada aberta ao público baixo o título “Oportunidades de Turismo Verde en Tui”  destinada a visibilizar exemplos de xestión turística sostible que poden ser exportables. Na mesma terá lugar unha mesa redonda que  contará coa participación de:

  • María Abuín de Máis que Románico (empresa de turismo cultural que deseña e comercializa rutas que interpretan patrimonio e territorio  cun modelo de xestión responsable )
  • Diego Chapela da Fundación Juan XXIII (Xestión por parte dun colectivo de iniciativa social do espazo comunal do Lago de Castiñeiras para uso turístico)
  • Leticia Castro Gondar,  responsable da marca  AWA e Presidenta de  Grove Makers (asociación de artesáns e creativos do Grove con pequeno comercio de autor)
  • Alberto Romero Rodríguez e Ricardo da Silva Diz da Asociación de Muiñeiros do Río Tripes (entidade local de promoción  do patrimonio cultural etnográfico, arquitectónico e paisaxístico)

A xornada rematará co relatorio “ Reflexións e retos do Turismo Verde en Tui” a cargo de Ana  M.ª Núñez Alvarez, 1ª tenente de Alcalde de Tui e concelleira de Turismo.

O día 29 de setembro  terá lugar a primeira das experiencias turísticas cun paseo musical navegando polo Miño coa artista Lara Villaverde e da man da empresa “Río Miño en Barco”. Contará con tres pases ás 17h, ás 18.00 h e ás 19.00 h e as entradas deben adquirirse na web da propia empresa riominoenbarco.com.  As prazas son limitadas e o prezo desta actividade é de 10 euros.

O día 30 de setembro terá lugar unha xornada de portas abertas no histórico Viveiro de Areas onde a cidadanía poderá descubrir o encanto deste lugar con especies arbóreas senlleiras e edificacións  centenarias nas que se desenvolveu unha actividade de investigación forestal de referencia en Galicia. Haberá dous pases, o primeiro ás 11.00 h e o segundo ás 17.00 h da man dos integrantes da Comunidade de Montes en Man Común de Areas. O punto de encontro será no propio viveiro e é preciso inscribirse en turismo@tui.gal para poder asistir xa que as prazas son limitadas.

O día 1 de outubro ás 10.00 h  terá lugar unha experiencia que combina patrimonio natural e cultural mediante un percorrido pola Ribeira do Miño desde a rúa Olímpicos Tudenses ata a histórica parroquia de Caldelas de Tui  onde se visitará o Balneario de Caldelas, a Capela do Carme e se realizará unha degustación dun viño de autor. Este percorrido ten a finalidade de achegar á veciñanza e visitantes o patrimonio etnográfico de ribeira así como os atractivos históricos e culturais da vila termal de Caldelas.  O regreso ao punto de orixe será en tren turístico e para participar neste interesante roteiro de entre 6 e 7 km haberá que inscribirse en turismo@tui.gal. As prazas son limitadas.