Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui celebra mañá o Festival Boas Vibes

5/09/2025

Música, gastronomía, creatividade e cultura urbana na Alameda de San Domingos

Tui despedirá o verán co Festival Boas Vibes, un punto de encontro entre a mocidade, a creatividade e a cultura. Todo mañá sábado na Alameda de San Domingos, dende as 11 h até as 00 h. Esta iniciativa posta en marcha no outono de 2024 pola concellería de Igualdade, dá un paso máis, promovendo as “boas vibras”  poñendo a igualdade de oportunidades, o respecto, a cohesión social e a corresponsabilidade no centro.

A programación comeza ás 11 h coa apertura dos postos do Mercado Creativo, onde se amosará o talento de 10 persoas mozas en produtos e pezas de arte, artesanía, ilustración, moda, música, cerámica, xoiería, decoración ou literatura. 

Xunto á apertura institucional, os Encontros Inspiradores abren ás 12 h na zona do Mirador un espazo de diálogo para coñecer de primeira man a experiencia profesional e persoas de catro mozos e mozas inspiradoras no ámbito da interpretación, o deporte, o emprendemento, a creación de contidos ou da divulgación. Participarán Guillermo Carracedo, médico, campión de Paddle Surf e tiktoker; Isabel Garrido, actriz, coñecida por series de Netflix como Élite, El Jardinero ou El Desorden que dejas, ademáis de múltiples filmes; Raúl Lomba, emprendedor, cofundador da marca de moda surfeira galega Waves; e FatiSuki, streamer e creadora de contidos, de humor, anime e videoxogos.

Ás 13.30 h, na hora do aperitivo, haberá unha primeira sesión dj con Sofi Peries, que pechará as actividades matutinas, podendo desfrutar da zona gastro con food trucks abertas durante toda a xornada. 

Pola tarde, ás 16.30 h, continuarán as sesións dj coa viguesa Sariinha e o porriñés Samu Pexe, mentres a artista plástica Alba Troiteiro realizará unha pintura de gran formato en directo. 

Continuando con música, ás 18.30 h estará en concerto o grupo emerxente vigués Supernova, cun repertorio de versións dos anos 80, 90 e 2000. Ás 19.30 h chegará Vella Escola cun impresionante espectáculo de Breakdance e Beat Box. 

E a xornada pecharase con dous concertos de artistas mozos, xa referentes no ámbito galego, e que traballaron xuntos nun tema musical. Son Hydn, que actuará ás 20 h, e Eris Makenzie ás 22 h. O recinto do festival pecharase ás 00 h. 

  • De 11 a 21 h Mercado Creativo: 
  • De 11 a 00 h Zona Gastro (foodtrucks con mesiñas e cadeiras)
  • Ás 12.00 h Encontros con xente inspiradora
    • Guillermo Carracedo (médico e campeón de PaddleSurf, tiktoker)
    • Isabel Garrido (actriz)
    • Fatisuki (creadora de contidos, sobre anime e videoxogos, streamer)
    • Raúl Lomba (cofundador da marca de moda surfeira Waves).
  • De 13.30 h a 15 h  Sesión Dj con 
    • Dj Sofi Peries 
  • De 16.30 a 18.30 h Dj Session
    • Samu Pexe Dj (O Porriño)
    • Sariinha DJ (Vigo)
  • De 16.30 a 19.30 h Pintura en directo con Alba Troiteiro
  • De 18.30 a 19.00 h Concerto de Supernova
  • De 19.30 a 20.00 h Espectáculo Breaking dance & Beat Box con Vella Escola.
  • De 20.00 a 21.000 h Concerto de Hydn con danza e DJ.
  • De 22.00 a 23.00 h Actuación de peche. Concerto de Eris MackenZie 

Entrada libre