Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui celebra mañá a IV Gala do Deporte Tudense ás 20.30h no Teatro Municipal

26/11/2015

 

Xoves, 26 de novembro de 2015. Mañá venres, 27 de novembro, ás 20.30h celebrarase no Teatro Municipal de Tui a IV Gala do Deporte Tudense organizada polo Concello de Tui ao través da Concellería de Deporte coa colaboración da Radio Municipal de Tui e a Concellería de Cultura.

Nesta festa do deporte recoñecerase o traballo realizado por deportistas, clubs, adestradores e entidades. Así serán outorgados os premios ao deportista tudense tanto masculino coma feminino, deportista promesa, e coma novidade este ano tamén ao deportista veterano nas dúas categorías.

Outros dos premios que serán outorgados  será ao club deportivo, club deportivo na promoción do deporte base, adestrador, firma comercial e entidade colaboradora co deporte.

Un dos momentos máis emotivos da noite será a homenaxe Eduardo Sousa, deportista tudense  e membro do xurado da gala en pasadas edicións.

O xurado desta cuarta edición está conformado por Rosendo Bugarín, médico e deportista tudense, Enrique Míguez, padeeiro e medallista olímpico, José Manuel Quintana, ex-directivo e ex-responsable das escolas deportivas do Tyde F.C., Beatriz González, profesora de educación física do CEIP Nº2 de Tui, ex-responsable das escolas deportivas do Club Balonmán Tui e deportista do Club Remo Tui, e Laureano Alonso, concelleiro delegado de deportes de Tui.