Tui celebra as Letras Galegas coa XXVII Feira do Libro Galego
Será este domingo na praza da Inmaculada cun amplo programa de actividades
Tui celebra este domingo o Día das Letras Galegas coa XXVII Feira do Libro Galego na praza da Inmaculada. Este ano contará cunha decena de postos de venda de libros a cargo da Libraría Nobel Espazo Lector de Tui e cun amplo programa de actividades ao longo da xornada.
Ás 12.00 h terá lugar a lectura do pregón a cargo da poeta de Valença e animadora de diversos clubs de lectura da zona do Minho, María José Areal.
Ás 12.30 horas comezará a actuación de Brais das Hortas co seu espectáculo “Comisión de festas”, unha proposta que combina música infantil, humor e teatro nun espectáculo participativo no que o público terá un papel protagonista. Con cancións, baile, xogos e interacción o espectáculo ofrece unha experiencia dinámica e familiar arredor do ambiente das festas populares galegas, cunha posta en escena chea de retranca e humor. O espectáculo inclúe tamén personaxes e situacións cómicas que forman parte do universo creativo de Brais das Hortas, nunha montaxe que busca transmitir alegría, participación e celebración colectiva a través da música e do teatro. Brais das Hortas, nome artístico de Brais Gutiérrez, conta cunha ampla traxectoria sobre os escenarios e leva máis de 25 anos desenvolvendo propostas vencelladas á música, á narración oral e ao clown.
O programa de actividades continuará ás 18.30 horas cun espectáculo de monicreques: “Xela e dragón” a cargo do grupo Barriga Verde, un espectáculo de aventuras onde a protagonista, Xela, unha nena de 9 anos, ten que liberar aos seus compañeiros de escola atrapados polo malvado Demo Luciferino que, valéndose do Dragón Dracus traga-verbas, os ten escondidos na cova do trasno. É un espectáculo de aventuras que trata a importancia do uso cotián da lingua galega, e da conservación da nosa identidade.
Finalmente, dende as 20.00 horas terá lugar un concerto polo grupo de pandereteiras da asociación cultural tudense “Darraia” que ofrecerá unha escolma do seu repertorio de música popular e tradicional como punto final desta xornada arredor da nosa cultura e a nosa lingua.
Sonsoles Vicente Solla, concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade do concello de Tui, anima a participar nas actividades desta xornada do “Día das Letras Galegas” convertendo esta data nunha afirmación das nosas letras, da nosa lingua e a nosa cultura. A concelleira agradece a colaboración dos diversos axentes implicados na organización desta xornada.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, destaca a ampla traxectoria desta feira que se celebra na cidade dende hai case trinta anos, e que se converte nunha cita coa literatura galega con libros de variada temática e para todos os públicos.





