Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui celebra este domingo o festival folclórico Día da Muiñeira

12/06/2014

                                       

 

Xoves, 12 de xuño de 2014.  O domingo, 15 de xuño, celébrase en Tui o Día da Muiñeira, festival que combina folclore, gastronomía e obradoiros tradicionais no Paseo da Corredoira de Tui.

 

A xornada comezará ás 11h no Paseo da Corredoira con obradoiros de percusión, xoguetes tradicionais, coiro ou panadería para tódolos públicos.

Ás 18h terá lugar o desfile popular dos grupos folclóricos que sairán desde diferentes puntos da cidade ata chegar ao Paseo da Corredoira onde actuarán un total de 200 participantes. Asemade, a gastronomía tradicional estará presente para acompañar unha xornada dedicada á cultura galega con oferta de tapas e comidas típicas así coma menús degustación nos diferentes establecementos da cidade.

 

Hoxe tiña lugar a presentación no Concello de Tui á que acudiu o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, a concelleira de cultura, Vanesa Rodríguez, a tesoureira da Asociación Cultural Xuvenil Recreativa e Deportiva San Telmo Natalia Romero Domínguez, o profesor de percusión Diego Pazos Souto e o profesor José López González.

 

José López falaba do obradoiro de xoguetes tradicionais que impartirá no que recuperarán xoguetes e xogos de hai 200 anos. Aproveitando os elementos naturais da tempada os asistentes crearán barcos ou caixas sonoras que imitan o son da curuxa.

 

Pola súa banda,o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, agradeceu á asociación o esforzo e cariño posto para a organización deste evento tan importante nos tempos que corren, poñendo en valor a tradición e a artesanía coma a ofertada polo obradoiro de xoguetes tradicionais, que ensinará tanto aos nenos e maiores as creacións que un mesmo pode chegar a facer servíndose da propia natureza.