Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui celebra este domingo 14 o Enterro do Bacallau e o domingo 21 o desfile-concurso de Entroido

11/02/2016


Tui vai celebrar este domingo, 14 de febreiro, o Enterro do Bacallau, e o domingo 21 o desfile concurso de Entroido.


Así foi acordado este mediodía polo equipo de goberno logo de que o martes á noite non se chegara a un consenso na reunión mantida coas comparsas.  Por unha banda mantense a celebración do Enterro do Bacallau tal e coma estaba previsto para este domingo día 14. Sairá ás 19.30h dende a Praza de San Fernando para percorrer a rúa Seixas, Porta da Pía, Ordóñez, e Paseo da Corredoira con parada no Cantón de Diómedes para dar lectura ao testamento, que este ano correrá a cargo das actrices Areta Bolado e Noelia Castro da Panadaría Teatro. Para portar ao bacallau convídase á comparsa gañadora de 2015 e para o acompañamento musical ao gañador tamén do ano pasado. A comitiva continuará pola praza da Inmaculada, Augusto González Besada, e enlace coa rúa Ourense ata o aparcamento municipal onde se procederá á incineración do Bacallau.


Debido á celebración do Enterro do Bacallau este domingo permanecerá pechado o aparcamento municipal dende ás dez da mañá ata  ás dez da noite.  Amais non se poderá estacionar nin na rúa Seixas nin no Paseo da Corredoira dende ás 14h.


O desfile-concurso de Entroido, aprazado o pasado luns pola choiva, celebrarase o domingo 21 xa que aínda que nas bases do Entroido figuraba coma data alternativa este sábado 13, as malas condicións previstas novamente para este sábado motivaron a decisión de adialo unha semana ata o domingo 21 ás 17h no circuíto establecido polas rúas novas.