Tui celebra esta fin de semana a XX Feira de Artesanía con máis de 80 postos
Distribuiranse nas rúas Ordóñez e Seixas e nas prazas do Concello e de San Fernando. Abrirá sábado e domingo de 12 a 22h.
O conxunto histórico de Tui acolle esta fin de semana a XX Feira de Artesanía organizada pola concellería de Turismo do Concello de Tui co obxectivo de promover e difundir a actividade artesá e a restauración, así coma para apoiar a comercialización dos seus produtos. Tamén se persegue a dinamización do conxunto histórico de Tui, do centro comercial aberto e da cidade de Tui no eido comercial, social e cultural.
A feira será inaugurada este sábado, 30 de abril, ás 12h e poderá visitarse tanto o sábado coma o domingo, 1 de maio, de 12 a 22h. Na mesma van participar máis de 80 postos que se distribuirán polas rúas Ordóñez e Seixas e polas prazas do Concello e de San Fernando. Tamén se contará coa presenza da Asociación de Palilleiras do Baixo Miño e da Asociación Xuvenil e Cultural do Traxe de Tui.
Na rúa Ordóñez instalaranse os 36 artesáns con carta de artesáns inscritos, na Praza do Concello haberá antigüidades, e tanto na rúa Seixas coma na Praza de San Fernando estarán os postos de artesáns tanto de Tui coma de toda Galicia. A feira ten carácter solidario polo que cada participante, no momento da montaxe do posto, deberá facer entrega de 10 quilos de alimentos que serán doados a SOS Tomiño-Baixo Miño.
Todo o entorno da feira será decorado para a ocasión. Haberá artesáns traballando en vivo e na Oficina de Turismo, na Praza de San Fernando, poderase visitar unha exposición de fotografías antigas de artesáns tudenses. Non faltará a animación musical cos grupos Santa Columba de Ribadelouro, Seixos Albos de Areas, Refaixos e Polainas de Baldráns, as pandereteiras As D’Abadía da Asociación A Insua de Caldelas, e Lembranzas da Terra de Guillarei que actuará o sábado, e San Xoán de Paramos, Inquedanzas de Pazos de Reis, O Mosteiro de Pexegueiro, Xuntanza de Randufe e San Fins de Rebordáns que o farán o domingo. Os nenos poderán disfrutar de inchables gratuítos durante a fin de semana, e amais o domingo a partir das 17h haberá animación infantil con En un Tris Tras.
Programa XX Feira de Artesanía
-
Máis de 80 postos nas rúas Ordóñez e Seixas e nas prazas do Concello e San Fernando
-
Sábado 30 e domingo 1 de 12 a 22h
-
Sábado 30.
-
Ás 12h inauguración
-
Ás 12.00h Grupo folclórico Santa Columba de Ribadelouro
-
Ás 13.00h Grupo folclórico Seixos Albos de Areas
-
Ás 17.00h Grupo folclórico Refaixos e Polainas de Baldráns
-
Ás 18.30h Grupo de pandereteiras As D’Abadía da Asociación A Insua de Caldelas
-
Ás 20.00h Banda de gaitas Lembranzas da Terra de Guillarei
-
-
Domingo 1
-
Ás 12.00h grupo folclórico San Xoán de Paramos
-
Ás 13.00h grupo folclórico Inquedanzas de Pazos de Reis
-
Ás 17.00h grupo folclórico O Mosteiro de Pexegueiro
-
ÁS 17.00h animación infantil con En un Tris Tras
-
Ás 18.30h grupo folclórico Xuntanza de Randufe
-
Ás 20.00h grupo folclórico San Fins de Rebordáns
-
-
Na Oficina de Turismo exposición de fotografías antigas de oficios artesáns
-
Organiza: Concellería de Turismo do Concello de Tui
-
Colaboran: Asociación de Palilleiras do Baixo Miño e Asociación Xuvenil e Cultural do Traxe de Tui