Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui celebra esta fin de semana a II Feira da Cabaza

27/10/2022

Haberá venda, gastronomía, obradoiros e degustación de receitas con cabazas

A cabaza será a protagonista esta fin de semana do Samaín en Tui coa celebración da segunda edición da Feira da Cabaza. A cita será no edificio dos antigos xulgados na praza da Inmaculada. Exposición e venda de cabazas, obradoiros infantís de cociña, showcooking, e música en directo formarán parte do programa previsto.

O programa comezará este sábado día 29  cun obradoiro de cociña con cabaza para nenos e nenas de 5 a 12 anos impartido por Raquel e Elena Alonso Galván de Cociñarte. Haberá dúas quendas  ás 17:00 h e ás 18:30 h.

O sábado continuará cun showcooking, ás 20:00 h, con menú degustación maridado con viños da zona a cargo de Noelia Figueiras Vega, chef en Gloria Domenecq Catering que elaborará un tabulé de cus cus, cabaza asada e granada, guiso de outono con cabaza, garavanzos, e cogomelos, e mousse de cabaza con kikos crocantes. A cata dos viños Bruña 2021 e Teimosía 2018 será comentada pola sumiller tudense Marina Cruces.

A actividade do sábado pecharase cunha actuación musical ás 22 h.

O domingo día 30  ás 12 h está previsto un showcooking con menú degustación maridado cos viños da Adega Edmun do Val da man da sumiller tudense Olalla Ruibal. Mentres o chef tudense Isaac Míguez Viana, propietario do Gastrobar Emma,  elaborará ensalada semifría de cabaza, rissoto de cabaza asada, figos e gorgonzola, e tarta de cabaza e cenoria cuberta de chocolate de chantilly.

Ás 13:30 h haberá sesión vermú coa actuación musical do grupo Kmzero.

Xa pola tarde, ás 18:00 h, terán lugar os últimos showcookings da Feira. O primeiro deles será a cargo de Raquel e Elena Alonso Galván de Cociñarte que elaborarán Taco cochino con cabaza encurtida e brotes ternos e callos vegui con cabaza curada ao pimentón da Vega, maridado esta vez con cervexa artesanal de cabaza de Adrián Vila. O segundo será un showcooking doce da man do mestre pasteleiro tudense Óscar Romero que elaborará Mufins de cabaza con topping de chocolate , crema de queixo e manteiga

Para participar no obradoiro infantil de cociña e nos diferentes showcookings é preciso inscrición previa na Oficina de Turismo de Tui , co teléfono 677 41 84 05 ou no correo turismo@tui.gal, ata o día do evento ou ata cubrir prazas que son limitadas.

Como fin de festa, o domingo ás 20:00 h haberá conxuro, queimada e castañas asadas.

Amais, esta fin de semana poderase desfrutar de diversos pratos elaborados con cabaza na hostalería local.