Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui, á cabeza en investimento educativo e importe por alumno na provincia e en Galicia

15/03/2023

O Concello de Tui destinou no bienio 2020-2021 máis dun 9% do seu presuposto a investimentos en educación, o que supón un importe por alumno de máis de 270 euros.

O Concello de Tui ratifica o seu firme compromiso coa educación pública e accesible para toda a súa veciñanza. O investimento educativo na cidade nos últimos dous anos supuxo o 9% do total orzamentario das arcas municipais. Isto arroxa datos como o importe por alumno, que en Tui superou os 270 euros por persoa.

Estes destacados datos son aínda máis salientables comparados coa media de investimento educativo dos concellos da provincia de Pontevedra e do resto de provincias galegas. Na nosa provincia o investimento por alumno quedou de media en 192 euros, o que supuxo o 5% do presuposto. Na provincia da Coruña os seus concellos destinaron de media un 4,3% cun investimento por alumno de 203 euros. En Lugo, pola súa banda, tamén repiten porcentaxe orzamentaria con A Coruña pero soben a media de importe por alumno até os 259 euros. Por último, en Ourense, investiron un 3,5% do diñeiro público en educación para unha media de 204 euros por alumno ou alumna.  

Todos estes datos veñen reflectidos nunha reportaxe interactiva do xornal El País, que recolle os presupostos liquidados de todos os concellos españois no 2020 e no 2021 recabados e publicados polo Ministerio de Facenda. A información emprega a métrica de media de inversión en educación por estudante potencial -poboación até os 24 anos- e a proporción de gasto total do consistorio en educación.

Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui, salientou que o Concello realizou estes anos un importante investimento en equipamentos públicos educativos malia non ser competencia municipal. Destacou que, nesta materia, Tui está á cabeza provincial, autonómica e mesmo nacional cun goberno que apostou polo ensino coma “piar básico para construír unha sociedade que faga fronte aos desafíos do futuro”.