Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui busca nomes de mulleres para as rúas e espazos públicos

23/03/2022

Ábrese un proceso de participación no que a cidadanía pode realizar as súas propostas

 Actualizar o nome das rúas e dos espazos municipais de Tui incorporando nomes de mulleres destacadas na historia, economía, movementos sociais, ciencia, cultura, é o obxectivo do traballo que está a desenvolver o concello de Tui, dando así cumprimento á medida 7.3 do III Plan de Igualdade de Oportunidades de Mulleres e Homes de Tui 2020-2024 .  Nesta cambio “preciso e relevante” para a cidade, dende o concello quérese facer partícipe á cidadanía polo que se inicia un proceso de participación pública para recoller propostas sobre mulleres destacadas para dar nome a rúas e espazos públicos, contribuíndo deste xeito á visibilización das mulleres na cidade.

A concelleira de Igualdade, Ana Núñez, convida a “toda a cidadanía a participar deste proceso para enriquecer as rúas da nosa cidade cos nomes das mulleres da nosa historia, unha historia na que as mulleres tamén estivemos presentes e continuamos estando porque sen nós a historia está incompleta”.

A igualdade de xénero é, sen ningunha dúbida, un principio transversal dentro de todas e cada unha das políticas municipais do concello de Tui.

Neste momento a presenza de nomes femininos é absolutamente minoritaria en relación cos nomes de homes nas vías e noutros espazos públicos do Concello de aí, que continuación coa aplicación do III Plan Municipal de Igualdade de Oportunidades entre mulleres e homes, o Concello continúa coa súa loita para converter a cidade nun espazo igualitario no que as mulleres tamén estean representadas.

Precisamente con motivo do 8 de marzo, Día da Muller, iniciouse no Concello este camiño coa presentación da actividade “Camiñando con elas”. É Un roteiro turístico ilustrado que da a coñecer o papel de diferentes mulleres que forman parte da historia local. Esta actividade é só o inicio dun proxecto moito máis amplo que se presenta baixo o nome “A Tui das mulleres. A historia non contada”.

Estas accións teñen como finalidade “situar as mulleres -con nome propio e con información sobre as súas achegas á mellora da cidade e da sociedade- nos espazos públicos” explica a concelleira Ana Núñez.

As persoas que desexen propor o nome dunha muller dentro deste proceso de participación pública poden facelo enviando un correo electrónico a igualdade@tui.gal  ou cubrir o formulario dispoñible na web www.tui.gal. Aínda que non é imprescindible convídase a achegar os motivos da proposta, ou datos biográficos da muller suxerida.