Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui brindará pola tradición enolóxica compartida no IV Encontro de Viños da Raia

10/04/2025

Celebrarase o sábado 19 e o domingo 20 na praza da Inmaculada coa participación de doce adegas

A viticultura da raia ocupará un lugar destacado na primeira fin de semana das festas de San Telmo coa celebración do IV Encontro de Viños da Raia. Este evento tense consolidado en só tres edicións coma un  espazo de encontro e colaboración entre pequenos produtores galegos e portugueses que elaboran os seus viños con mimo, respectando as castes autóctonas e apostando por técnicas que combinan tradición e innovación. Este evento celebrarase o sábado 19 e o domingo 20, na praza da Inmaculada, coincidindo co inicio das Festas de San Telmo 2025.

Un dos principais obxectivos do Concello de Tui coa organización deste encontro é apoiar aos pequenos produtores que cultivan e elaboran viños extraordinarios, ofrecéndolles visibilidade e facilitando o acceso a canles curtas de comercialización. Deste xeito, promóvese unha economía máis sostible, próxima e de calidade, á vez que se pon en valor o patrimonio vitivinícola local e transfronteirizo.

A inauguración oficial será o sábado 19, tras a lectura do pregón. A partir de aí e durante toda a fin de semana, a Praza da Inmaculada converterase nun escaparate da viticultura transfronteiriza con degustacións, demostracións de cociña, catas comentadas.... Unha proposta que, alén de celebrar a calidade dos viños da raia, reafirma o auxe do sector enogastronómico da zona e engade un atractivo turístico máis a unha fin de semana tan destacada na cidade.

Este ano participarán 12 adegas que ofrecerán ao público a posibilidade de degustar as súas elaboracións. Serán Corisca e Quiñóns da Insua de Tui; Edmund do Val de Valença; Sergio Álvarez, Adega Pateira, Jorge Marcote,  e Adega Xesteiro do Rosal;  Marcio Lópes de Melgaço; Adega do Ricón, Chan de Vide e Miguel Alonso viticultor  de Arbo; e María Bargiela de Salvaterra. A oferta gastronómica completarase con 3 postos de comida, que incluirán queixos, xamón, embutidos, tapas variadas, doces e as singulares vionkas, para acompañar á perfección os viños expostos. Os postos abrirán os dous días de 12 a 15.30 h e de 20 a 23 h brindando unha ocasión única para coñecer e degustar elaboracións singulares que so este encontro nos ofrece.

Están previstas tamén unha serie de actividades paralelas no interior do edificio dos antigos Xulgados. O sábado ás 18.30 h celebrarase o II Concurso de Cata Amateur a cegas guiada polo sumiller Sebaristas. Poderá participar calquera persoa interesada sen necesidade de coñecementos previos.

O domingo ás 12 h o chef Javier Freijeiro, do Restaurante Pracer será o encargado dunha demostración culinaria con maridaxe. Xa pola tarde, ás 18 h, o enólogo tudense Manuel Areal conducirá a cata comentada “Os viños da raia a partir do século XX”.  Posteriormente ás  19.30 h terá lugar a presentación “Vinhos do Atlântico” de Valença.

Para estas actividades, que teñen carácter gratuíto, é preciso inscrición previa na Oficina de Turismo, xa que contan cun límite de 70 prazas.

O cartel anunciador do IV Encontro de Viños da Raia, seguindo a liña de edicións anteriores, recolle o concepto da propia “raia”, trazada coas siluetas de botellas de viño que se enfrontan en espello até cruzarse, combinándose entre sí para conformar un conxunto que percorre a liña que une o camiño do produto nas dúas beiras.  Esa “raia” en cor dourada   realza a unión dos dous lados e da valor aos seus viños, ao tempo que pola forma evoca ás almenas das fortalezas conectando coa monumentalidade de Tui.  Todo sobre unha cor azul escura que emula o movemento da auga ondulándose para dar volume as botellas.

En caso de choiva o IV Encontro de Viños da Raia desprazaríase ao Mercado Municipal, mentres que as actividade paralelas manterán o seu emprazamento.

O sábado 19 e o domingo 20 de abril o IV Encontro de Viños da Raia é unha oportunidade perfecta para descubrir e saborear a riqueza vinícola a ambos marxes do Miño.