Tui avanza con paso firme como destino turístico de referencia, cun crecemento sostido
A Oficina de Turismo de Tui atendeu en abril mil persoas máis que no mesmo mes de 2024
A Oficina Municipal de Turismo de Tui rexistrou durante o mes de abril un total de 2.999 visitantes, dos cales 1.144 foron peregrinos e 1.855 turistas, confirmando así un destacado crecemento respecto ao ano anterior, xa que este ano atendeu 1.093 persoas máis que no mesmo periodo do ano pasado.
En concreto, o número de turistas creceu en 709 persoas ao pasar das 1.146 rexistradas en abril de 2024, ás 1.855 deste ano. Mentres o número de peregrinos pasou das 760 en abril de 2024 ás 1.144 deste ano, o que supón 384 máis.
A concelleira de Turismo, Ana María Núñez Álvarez, amosou a súa satisfacción por estes datos que, segundo destacou, “refrendan o dinamismo do sector turístico tudense e consolidan a Tui como unha referencia no sur de Galicia, grazas á riqueza do seu patrimonio cultural e natural e á atractiva oferta turística da cidade”. Precisa a responsable tudense de Turismo que os datos da Oficina de Turismo só recollen unha tendencia expresada a través das consultas efectuadas.
Os 1.144 peregrinos que en abril pasaron pola Oficina Municipal de Turismo eran maioritariamente internacionais procedentes de Alemaña (123), Portugal (75), Italia (52), Reino Unido (48), EEUU (42), Países Baixos (28 ), Australia (23)... Mentres os e as peregrinas nacionais proviñan de Madrid (105), Valencia (68), Cádiz (58), Barcelona (44), Málaga (26), Tenerife (21), Baleares (21)...
Polo que atinxe aos turistas dos 1.855 que se achegaron a esta Oficina de Turismo, un total de 243 eran estranxeiros procedentes de: Portugal (163), Francia (17), Arxentina (15), Reino Unido (8), Alemaña (7), Italia (5)... Pola súa banda, os turistas nacionais foron 1.612 chegados dende: Madrid (418), Barcelona (181), Guipúscoa (90), Baleares (70), León (57), Málaga (57), Almería (56)...
Ana María Núñez subliñou tamén que, a pesar de que en abril tiveron lugar as celebracións da Semana Santa e das festas de San Telmo —que supoñen un importante reclamo turístico—, a comparación cos datos de 2024, cando a Semana cadrou en marzo, expresan aínda un crecemento moito máis amplo na afluencia turística, xa que o ano pasado en abril houbo 303 consultas de peregrinos e 888 de turistas na Oficina de Turismo. Certamente, conclúe a concelleira tudense, “Tui avanza con paso firme como destino turístico de referencia, cun crecemento sostido que reforza a posición da nosa cidade como segundo conxunto histórico en extensión de Galicia e como enclave destacado no Camiño Portugués a Santiago”.