Tui aposta por un consumo local e sostible
O Concello, a través do proxecto Commerce Inside, pon a dispor dos establecementos de forma gratuíta bolsas reutilizables
Tui aposta por un Nadal sostible, polo comercio local e o produto de proximidade convidando a realizar as compras nestas festas nos distintos establecementos tudenses.
Dende o Concello de Tui quérese pór o aceno no uso de bolsas reutilizables e reciclables nestas datas, nas que se incrementan de forma notable o número de compras. Para iso dende hoxe mesmo os establecementos poden recoller na Oficina Municipal de Turismo, na Paseo da Corredoira, bolsas sostibles.
A concelleira de Comercio e Mercado, Ana Núñez, explica que a través do proxecto Commerce Inside da Deputación de Pontevedra, financiado con fondos Next Generation, mercáronse 23.400 unidades de bolsas que son distribuídas agora entre os comerciantes e praceiros. Trátase de novos deseños de embalaxe para o comercio de proximidade que emprega material compostable ou reciclado da propia actividade comercial, e hidrosolubles.
Dispóñense de tres tipos de bolsas. Así hai un modelo compostable pensado para produtos perecedoiros coma peixe, carne, froitas e verduras. Amais cóntase con dous modelos reutilizables un realizado con plástico reciclado e outro con algodón 100% reciclado. Deste xeito poténciase a imaxe de marca do comercio de proximidade coma un destino sostible e respectuoso co medio ambiente, onde se potencia o consumo responsable. Ao tempo promóvese o reciclado de materiais, concienciando sobre a importancia da economía circular.
Lémbrase dende a concellería de Comercio que os establecemento tudense poden recoller estas bolsas na Oficina Municipal de Turismo de forma totalmente gratuíta. Esta acción súmase á campaña posta en marcha para potenciar as compras e o consumo local neste Nadal cos lemas “O que queres para a túa mesa de Nadal está en Tui” e “Os agasallos que queres están en Tui”.