Pronóstico de Tutiempo.net
Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui amplía a súa superficie industrial con 105 mil metros cadrados en Ribadelouro

7/05/2021

A Xunta vén de aprobar definitivamente a modificación do PXOM para o desenvolvemento dos sectores SU-2A e SU-2B que culmina o proceso iniciado en 2014

Tui contará con 105 mil metros cadrados de solo industrial no Polígono Industrial de Ribadelouro. A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo vén de aprobar definitivamente a modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal, PXOM, para o desenvolvemento dos sectores SU-2A e SU-2B.  Dende o Concello procederase agora a inscrición do solo no rexistro de planeamento, e a súa publicación no Boletín Oficial da Provincia, tras o que transcorrido o prazo de entre 10 e 15 días esta aprobación entrará en vigor.  

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, cualificaba esta aprobación de “magnífica noticia” sinalando que se trata da “maior viabilidade de chan empresarial na historia deste concello” o que permitirá “facer viable este polígono”. 
O proceso iniciouse en 2014 a instancia dos empresarios do Polígono Industrial co impulso por parte do concello de Tui. En decembro de 2016 foi aprobada en pleno a modificación puntual do PXOM, tras o que se abriu un período de exposición pública e dende o Concello se mantiveron reunións cos empresarios interesados.

Ao longo dos últimos anos realizouse unha longa e complexa tramitación na que se responderon as distintas alegacións presentadas e os requirimentos realizados polos organismo que tiveron que emitir o seu informe. 
O novo chan industrial de Ribadelouro está estratexicamente situado tanto polas comunicacións con Portugal e con Galicia a través da A55 e da AP 9, coma pola súa proximidade ao Parque Empresarial da Granxa.  Suporá un foco de atracción para novas empresas coa previsible creación de novos postos de traballo. 

Esta aprobación definitiva permite así acadar o o bxectivo, marcado polo goberno municipal, de fundamental para o desenvolvemento industrial e empresarial do municipio.

Nesta mesma liña o Concello de Tui continúa o traballo para poder contar con solo industrial con todas as garantías legais.  Así estase a tramitar a Modificación puntual do PXOM, con ordenación detallada, en aplicación da disposición transitoria 7ª, da lei 2/2016 do 10 de febreiro, para a regularización urbanística dun asentamento empresarial xurdido a marxe do planeamento en Baldráns. Esta modificación foi aprobada inicialmente en pleno en setembro de 2020.