Tui alza a voz contra a violencia de xénero
O luns terán lugar dous actos conmemorativos do 25N
Tui reforza, nunha data tan sinalada coma o 25N, o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller, o seu compromiso coa igualdade e coa loita contra violencia de xénero. Así queda reflectido no programa que se está a desenvolver baixo o lema “Que a vergoña cambie de lado. A nosa voz contra as violencias machistas”, cun amplo abano de actividades nas que aposta pola educación, a formación e información, para erradicar esta lacra da nosa sociedade. O cartel da campaña, obra da artista pontevedresa Belén Diz Juncal ilustra a campaña deste ano do Concello de Tui con motivo do 25N, cunha imaxe rotunda en tonos azuis, violáceos e maxentas retratando a unha muller empoderada e decidida que da un paso ao fronte e alza voz, sen vergoña nen culpa. Sen medo. Unha muller que transforma a violencia machista da súa contorna en forza e sororidade.
O próximo luns, 25 de novembro, serán dous os actos conmemorativos deste día. Ás 11.30 h a praza de San Fernando acollerá un acto colectivo e participativo realizado en colaboración coa comunidade educativa do municipio. Precisamente no mesmo presentarase o traballo desenvolvido dentro do programa Boas Vibes nas últimas semanas co alumnado de Secundaria. Así a artista Wöyza presentará xunto ao alumnado de 3º da ESO o tema musical reivindicativo composto no obradoiro que impartiu baixo o título “Rimas: batalla de equipos coas Gafas Moradas”, mentres que outros alumnos e alumnas porán en escena a coreografía grupal realizada xunto a Yara Juncal, ao que se sumará a acción poética de Yolanda Castaño. Ao longo de todo o acto o alumnado do CEIP nº1 levará a cabo unha acción performativa na que irá construíndo un muro que entre todos derrubarán ao final do acto. A comunidade educativa alzará tamén a súa voz dando lectura aos manifestos do 25N elaborados polos distintos centros educativos tudenses.
Por outra parte, tamén o luns, pero ás 18 h na praza do Concello terá lugar o acto institucional deste o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller. A escritora Rexina Vega, galardoada entre outros recoñecementos co Premio Ricardo Carvalho Calero de investigación, o Premio Xerais en 2007 ou Cunqueriana de Honra en 2021, dará lectura ao manifesto deste 25N.
Neves Seara presentará a performance “Non Violarás”. Mentres Neves Seara leva a cabo dende unha perspectiva feminista a realización e coordinación de proxectos culturais. Dende 2014 leva a cabo performances feministas e contra a violencia de xénero, coma que vai presentar en Tui. No seu amplo currículo coma artista destacan tamén as numerosas exposicións realizadas, as publicacións educativas que dirixiu ou coordinou así coma os talleres feministas que imparte, entre outras actividades.
No acto contarase tamén coa actuación da artista galego-arxentina Catuxa Salom vén de presentar o seu primeiro album “Caldo” no que fusiona a música electrónica, os instrumentos de raíz e os elementos da natureza. É un traballo cheo de emocións profundas, con cancións que poñen en valor o papel dos coidados e da amizade coma rede fundamental de apio.
A programación do 25N en Tui continuará o próximo mércores ás 19 h, no edificio Francisco Sánchez, coa presentación do libro “Os anos tranquilos” de Llerena Perozo, e o sábado 30 ás 12 h no Mercado de San Antonio coa performance “Corazón” de Iria Sobrado.