Tui agarda dúas mil persoas na IV San Silvestre
Celebrarase o mércores 31 de decembro ás 10.30 h cun percorrido urbano de 4 quilómetros
Dúas mil persoas participando na IV San Silvestre Tudense. Este é o obxectivo do Concello de Tui e o Club Atletismo Tui, organizadores do evento, para esta proba deportiva, festiva e solidaria que se vai celebrar o próximo mércores, 31 de decembro.
Así se deu a coñecer esta mañá na presentación do evento no Espazo Sociocultural nun acto no que participaron o concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, a presidenta e vicepresidenta do Club Atletismo Tui, Cristina Piñeiro e Laura Solla, a delegada no Baixo Miño da Asociación Española Contra o Cancro, Pilar Barbosa, a responsable do departamento de sostenibilidade económica da AECC en Vigo, María Gómez, e a traballadora social do Concello de Tui, Carmen González.
Rafael Estévez, concelleiro de Deportes, amosou a súa satisfacción pola acollida que a San Silvestre Tudense está a ter dende a primeira edición, lembrando que xa o ano pasado acadou os 1.900 inscritos.
Laura Solla, vicepresidenta do Club Atletismo Tui, foi a encargada de explicar o percorrido de 4 quilómetros pasando polo conxunto histórico e o río Miño. Laura Solla animaba a inscribirse xa na práxina web do Club Atletismo Tui xa que a día de hoxe hai 1018 persoas anotadas. A inscrición está aberta ata as 22 horas do 28 de decembro ou chegar aos 2 mil participantes.
Os e as participantes sairán ás 10.30 h dende o Paseo da Corredoira para continuar pola Avenida da Concordia, subir polo novo tramo da rúa Ourense, O Rollo, Mondoñedo, Lugo, Camilo José Cela, e de novo a Corredoira, para proseguir polo Cantón de Diómedes, Porta da Pía, Praza de San Fernando, rúa Sanz, O Piñeiro, A Barca, a rúa Olímpicos Tudenses, o Paseo Fluvial, Baixada ao Embarcadoiro, para continuar polo Paseo Álvarez Blázquez e a Corredoira onde estará a meta.
Pilar Barbosa, delegada no Baixo Miño da Asociación Española Contra o Cancro, amosaba o agradecemento da asociación a todas as persoas que fan posible esta iniciativa indicando que “cada paso conta e cada inscrición suma esperanza”. O ano pasado na San Silvestre recadaron máis de 4000 mil euros que destinaron integramente á asociación para investigación e para a asistencia que realizan. Así explicou que en 2024 no Baixo Miño fixeron 1.024 intervencións, das que 454 foron en Tui.
A IV San Silvestre Solidaria conta coa colaboración de Protección Civil, Policía Local, a Radio Municipal de Tui e distintas casas comerciais.
O mércores 31 ás 12 h celebrarase unha festa pre-fin de ano tomando as uvas coas baladas do reloxo da praza da Inmaculada, e haberá tamén unha chocolatada.





