Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui acolleu parte da gravación do documental “De Rosendo a Rosendo” que se emitirá en Australia

25/01/2016

“De Rosendo a Rosendo” é o título do documental encargado pola Embaixada de España en Australia para promocionar a figura de España e que ao tempo servirá para promocionar Tui e a Nova Nursia.  Esta gravación audiovisual toma coma punto de partida a viaxe de Rosendo Salvado a Australia e retrata ao tempo a figura de Rosendo Salvado plasmando a Tui, a súa cidade natal, e a Roma, o lugar onde faleceu.

Precisamente onte estivo en Tui o equipo dirixido por  Ian Iumsden, director do documental. A casa natal de Rosendo Salvado, o Concello, as cubertas e o claustro da Catedral, así coma o arquivo diocesano foron algúns do lugares elixidos para a gravación. Concretamente no arquivo diocesano o seu director, Avelino Bouzón,  amosou á equipa de rodaxe fotografías, documentos e cartas de Salvado, así coma o cartel que en 1945 conmemoraba os 100 anos da partida do bispo de Tui.  

A gravación e posterior proxección deste documental en Australia suporá unha importante promoción de Tui nese país onde a figura do bispo Salvado conta con gran relevancia.

A música de Rosendo Salvado será protagonista en Australia da man da pianista tudense Andrea González, quen ofrecerá un concerto o 24 de marzo en Nova Nursia, amais de dar a coñecer a música do bispo tudense aos estudantes da Australian National University en Canberra. Cómpre lembrar que Andrea González realizou unha labor de investigación sobre a obra musical de Salvado co gallo do bicentenario do seu nacemento.

Rosendo Salvado naceu en Tui o 1 de marzo de 1814 e faleceu en Roma o 29 de decembro de 1900. En 2014 celebrouse en Tui un amplo programa de actividades para conmemorar o bicentenario do Bispo Salvado, onde se puxo de relevo a vida e a polifacética obra de quen foi o bispo de Nova Nursia.