Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui acolleu a concentración do equipo galego de remo que buscará mañá praza para a Copa da Xuventude 2024

12/07/2024

A Federación Galega de Remo elixiu a cidade para preparar esta regata clasificatoria para a competición que en agosto terá lugar na República Checa

Tui acolleu ao equipo da Federación Galega de Remo que vai participar mañá sábado na regata clasificatoria para Copa da Xuventude 2024

Dende o pasado día 24 de xuño as persoas integrantes do equipo da Federación Galega de Remo (FEGAR) estiveron concentradas nas instalacións do Centro Interfederado de Remo e Piragüismo de Tui, adestrando nas augas do Río Miño.

Esta fin de semana competirán na regata clasificatoria para a Copa da Xuventude 2024.

A expedición está formada por Nieves Silva e Xiana Fernández, do Club Remo do Miño, que competirán en dous sen feminino, Irene García e Antón Balsa, do Club Remo Ribadeo, que competirán en skif feminino e masculino, e Xián Gutierrez e Millán Hortas, dos clubs Remo Ría de Marín e Club do Mar de Noia, que competirán en dous sen masculino.

Tanto Manuel Ángel González, presidente do Club Remo Miño de Tui como Carlota González, deportista tudense, estiveron acompañando en todo momento ao equipo galego en Tui . Tamén onte viaxaron ata Sevilla como parte da selección galega, xunto con Luciano Moldova e Arturo Abruñedo, director técnico e adestrador da FEGAR.

Mañá sábado 13, a partir das 09.00 horas, celebraranse as fases eliminatorias e finais, onde se decidirán as embarcacións que competirán na Copa da Xuventude, que se disputará na localidade de Racice (República Checa) do 9 ao 11 de agosto.

No caso de clasificar as embarcacións galegas, os deportistas seguirían concentrados nas instalacións tudenses ata días antes do viaxe á República Checa.