Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui acolle a reunión anual do Comité de Seguimento Interreg España-Portugal POCTEP 2021

17/12/2025

Os representantes de distintas entidades españolas, portuguesas e da Comisión Europea puideron coñecer os proxectos postos en marcha con financiamento europeo

A exitosa experiencia de cooperación transfronteiriza entre o Concello de Tui e a Cámara de Valença fixo posible que a cidade acolla hoxe e onte a reunión anual do Comité de Seguimento Interreg España-Portugal POCTEP 2021. O alcalde, Enrique Cabaleiro, e a tenente alcalde, Ana Núñez, déronlles a benvida esta mañá ao municipio nun dos lugares destacados do patrimonio cultural tudense coma é a Catedral de Tui, onde se fixeron a foto de familia.

Posteriormente realizaron un percorrido polo conxunto histórico até o baluarte “Ángulo dos Demos”, peza clave dentro do sistema defensivo histórico de Tui, que será recuperado cos fondos Interreg Poctep 2021-2027, no marco do proxecto FAR PAX, unha iniciativa de cooperación transfronteiriza orientada á promoción da paz a través da recuperación das fortalezas abaluartadas que marcan a fronteira hispano-portuguesa. No mesmo participan Tui, Valença, Almeida, Ciudad Rodrigo e Marvao.

Gozaron dun paseo en barco polo Miño coñecendo un dos atractivos turísticos desta zona, e que precisamente fora obxecto do proxecto Minho Destino Navegable cunha experiencia piloto, e que agora funciona froito da iniciativa privada.

Xa no Centro Interfederado a concelleira de Cultura de Tui, Sonsoles Vicente, repasou as actuación levadas pola Eurocidade Tui-Valença no marco do proxecto Unidade, centrándose no calendario cultural e deportivo conxunto que é un exemplo de cooperación transfronteiriza, e no que destaca a única Cabalgata de Reis entre dous países en toda Europa, que volverá celebrarse o próximo 5 de xaneiro partindo dende Valença e rematando no centro urbano de Tui. Avanzou amais Sonsoles Vicente os proxectos nos que afondarán no programa Unicidade 2030 que recibirá máis de 500 mil euros do programa POCTEP.

Tamén se expuxo as características do proxecto Visit Miño Plus en execución até decembro de 2026 que contribuirá ao desenvolvemento económico da zona Visit Miño mediante o aprovechamiento das potencialidades turísticas que ofrecen os recursos do territorio.

No Comité participan representantes da Comisión Europea, do Ministerio de Hacienda, da Agência para o Desenvolvimento e Coesão, así como da Xunta de Galicia, de Castela-León, de Extremadura e de Andalucia, e das rexións do Norte, Centro, Alentejo e Algarve, xunto a organismos sectoriais e municipios participaron neste encontro.  Previa á visita deste proxectos onte á tarde no Espazo Sociocultural realizaron a reunión técnica do encontro no que se analizaron os proxectos desenvolvidos, os que están en marcha e se comezou a planificar o traballo do periodo 2028-2034.