Pronóstico de Tutiempo.net
Facebook Twitter Vimeo

Tui acolle a quinta parada do Museo en Camiño para difundir o “Espírito Xacobeo” no Camiño Portugués

4/05/2021

Ten por obxectivo dar a coñecer as principais obras do Museo de Pontevedra entre os nenos e nenas de 6 a 12 anos. É preciso inscrición previa de balde en contacto@tallerabierto.info

O próximo xoves, 13 de maio, chega a Tui o quinto taller do Museo en Camiño, unha iniciativa que se está a desenvolver no marco do programa O Teu Xacobeo da Xunta, e que conta cunha achega de 11.500 euros da administración autonómica.

Esta actividade desenvolverase no Edificio “Francisco Sánchez” (antiga Área Panorámica) de 17 a 18:30h e terá como finalidade que nenos e nenas de 6 a 12 anos coñezan os valores da ruta xacobea así como o patrimonio atesourado no Museo Provincial de Pontevedra.

Este obradoiro de carácter plástico e creativo terá as prazas limitadas para poder cumprir con todas as medidas sanitarias actuais.

A inscrición debe formalizarse por medio do correo contacto@tallerabierto.info ata completar aforo dándolle prioridade á cativada da localidade de destino.

O Museo de Pontevedra convértese nun ‘museo itinerante’ que tras pasar por Redondela, Barro, Valga e Ribadelouro seguirá o Camiño Portugués recalando nesta ocasión en Tui.

Os fondos da institución chegarán á cativada da man dunha ‘maleta viaxeira’ con réplicas de pezas consideradas esenciais para o Museo de Pontevedra: o Tesouro de Caldas, a Laxe das Picadas, o busto bifronte de Xano, o miliario romano de Salcedo, o retablo de San Acacio, un Santiago Pelegrín do século XVII, a obra ‘Santa María dende A Caeira’ de Sobrino Buhígas, unha autocaricatura de Castelao, a obra ‘O Mercado’ de Carlos Maside, ‘A Terra’ de Manuel Torres, ‘Santa Tegra’ de Lugrís, e ‘Mulleres parolando’ de Luis Seoane. Todas elas foron escollidas polos colectivos creadores do programa, taller aberto e Paspallás, por seren unha mostra representativa do que é o gran colector cultural que é o Museo de Pontevedra e serán a base sobre a que desenvolver unidades didácticas para traballar contidos relacionados coa historia, a arte e o patrimonio.

Ademais, está programada unha exposición no Museo de Pontevedra para o mes de setembro coa que se pechará o percorrido “coa intención de trasladar todo o vivido ao público”.

A celebración desta nova actividade dirixida ao público infantil incide no empeño do Concello de Tui para difusión e promoción do Camiño Portugués a Santiago polos seus valores culturais, sociais e espirituais, pero tamén pola dinamización do tecido socioeconómico da nosa cidade.