Tui acolle o luns unha reunión informativa sobre a creación de comunidades enerxéticas
Será ás 20 h no Espazo Sociocultural da rúa Camilo José Cela
O próximo luns, 30 de xuño, ás 20 h no Espazo Sociocultural da rúa Camilo José Cela terá lugar unha reunión informativa sobre a creación de comunidades enerxéticas. Esta actividade está promovida pola Oficina de Transformación Comunitaria, OTC, da Deputación de Pontevedra.
Na actividade explicaráselles ás persoas asistentes que é unha comunidade enerxética, o papel das administracións no seu desenvolvemento e os servizos que ofrece a institución provincial a través deste servizo, que está financiado con fondos Next Generation EU.
A Oficina de Transformación Comunitaria da Deputación +Renovables, situada no Centro de Servizos e Apoio Empresarial de Barro, fomenta e impulsa a creación e o desenvolvemento de comunidades enerxéticas en todas as comarcas da provincia, sendo o medio rural, especialmente os concellos de reto demográfico, a súa prioridade. Para conseguilo, o proxecto contempla actividades de difusión, acompañamento, asesoramento, formación e investigación, así como a creación dunha rede de comunidades enerxéticas provincial.
En concreto, o luns en Tui daranse a coñecer os servizos da oficina e a figura das comunidades enerxéticas, coa misión de facilitar entre a poboación da provincia a transición enerxética, potenciar a autosuficiente enerxética das vilas e aldeas, mellorar a eficiencia enerxética e contribuír a unha transición cara a un modelo de enerxía máis sostible e responsable.
Desde +Renovables a Deputación acompaña aquelas entidades interesadas en crear unha comunidade enerxética, ofrecéndolles un completo asesoramento nas fases de constitución, desenvolvemento e explotación das comunidades enerxéticas. Durante este tempo axúdaselles a deseñar un proxecto de xeración, ben térmico ou eléctrico, para dar cobertura aos participantes na comunidade enerxética, e tamén se presta asesoramento económico sobre créditos e fórmulas de financiación, entre outras accións.
A participación nesta xornada é libre e gratuíta non sendo preciso inscrición previa.