Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui acolle a Final a 4 de 2º Autonómica feminina e masculina de Balonmán.

6/05/2025

Será o sábado 10 e o domingo 11 no pavillón Gustavo Rodríguez

 O pavillón municipal Gustavo Rodríguez de Tui acolle este sábado 10 e domingo 11 a Final a 4 de 2ª Autonómica Feminina e Masculina de Balonmán. Tui repite por segundo ano consecutivo coma sede dunha Final a 4, xa que ano pasado acolleu a da categoría cadete. Nesta ocasión será o equipo senior do Balonmán Tui quen buscará o ascenso.

Esta mañá na casa do concello tiña lugar a presentación deste evento deportivo coa participación do alcalde, Enrique Cabaleiro, o concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, a representante da Federación Galega de Balonmán, Shaila Bautista, e o presidente do Club Balonmán Tui, Pablo Rodríguez.

Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui, amosaba a súa satisfacción por poder acoller esta Final a 4 en Tui. Afirmou o rexedor que “o bo estado dos equipamentos tamén axuda na práctica deportiva”, ao tempo que repasou as actuacións realizadas ou que están previstas nos sete pavillóns deportivos tudenses. Afirmaba que en Tui “hai unha grandísima afección ao balonmán” e facía un chamamento a acudir esta fin de semana ao pavillón Gustavo Rodríguez.  

O concelleiro de Deportes de Tui, Rafael Estévez, desexáballe sorte ao equipo de balonmán tudense, que loitará por ascender de categoría. Animaba á veciñanza a apoiar ao equipo achegándose ao pavillón Gustavo Rodríguez esta fin de semana. Concluía que “o deporte tudense ten moita vida”. Nese senso felicitou ao Tyde FC polo ascenso logrado o domingo a Rexional Preferentes, e agarda que esta fin de semana sexa o Balonmán Tui quen sume un novo ascenso. Concluía reiteran a aposta polo “deporte tudense”.

Shaila Bautista, en representación da Federación Galega de Balonmán, amosaba o orgullo de poder repetir esta Final a 4  en Tui “porque é un Concello que sempre nos da todas as facilidades para facer estes eventos do mellor xeito posible”. Salientaba que “contamos cun dos mellores pavillóns de toda Galicia, o pavillón de Tui ten unha das mellores pista de parqué, e é un dos mellores para practicar o balonmán”. 

Pablo Rodríguez, presidente do Club Balonmán Tui, destacaba que o pavillón será unha festa do balonmán esta fin de semana coa celebración desta Final a 4. Amosaba o seu orgullo polo traballo realizado polo equipo senior que o leva a poder xogar polo ascenso.

O sábado xogaranse as semifinais. Ás 11 h a primeira semifinal feminina entre o Aispar Bm Caselas e Lirón Store Bueu Atl., e a segunda ás 13 h entre o CdeC Lavadores Vigo B e o Bm. Brigantium Nunegal. Pola tarde serán as masculinas. Ás 18 h Calvo Xiria B – Millaven Cp Lucens, e ás 20 h Clínica Veterinaria Estación Bm Tui – ReizentoloLavadores Vigo B.

O domingo ás 11 h xogarase o Partido polo 3º e 4º posto feminino, e ás 13 h o masculino. A final feminina será ás 17 h e ás 19 h a masculina. A entrega de premios será ás 20.30 h.

As entradas por día terán un prezo de 7€, existindo un bono de 10€ para toda a fin de semana, que no caso das persoas socias do Balonmán Tui será de 5€.