Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui acolle a exposición "España século XX: imaxes do traballo"

21/01/2010

TUI ACOLLE A EXPOSICIÓN "ESPAÑA SÉCULO XX: ESCENAS DO TRABALLO", VIAXE POLA HISTORIA DO TRABALLO A TRAVÉS DOS SEUS PROTAGONISTAS

Son 65 fotografías en branco e negro que cronoloxicamente cobren un período comprendido entre 1900 e 1997

A exposición é a Historia en imaxes de homes e mulleres que traballan nas fábricas, no campo, no mar, e mirando atentamente podemos observa-los avances na tecnoloxía, os cambios na relación entre as personas e as máquinas e a tendencia ao predominio destas en detrimento das primeiras. Os rostros anónimos amosan os verdadeiros constructores da Historia e da súa evolución. A Exposición poderá ser visitada no anexo da sala municipal de exposicións da Biblioteca Municipal, rúa Colón nº 2, ata o vindeiro mes de febreiro.

España século XX: escenas do traballo" é unha exposición fotográfica organizada pola Fundación 10 de Marzo, do sindicato Comisións Obreiras, que persegue dar a coñecer un aspecto da realidade como é o do traballo. Esta exposición chega a Tui coa colaboración da Concellería de Cultura do Concello de Tui. A exposición consta dunha colección de 65 fotografías en branco e negro. Cronoloxicamente, cobren un período comprendido entre 1900 e 1997; é dicir, ilustran o século XX galego e español case na súa totalidade e a temática xeral é o traballo.

As fotografías organízanse en tres grupos: O primeiro grupo, Os "traballos tradicionais", reúne imaxes dos traballos máis antigos como son a agricultura, a construcción, a minería e o propio servicio doméstico. Un segundo grupo, en cambio, reúne fotografías do traballo nos talleres industriais, desde os comezos do século ata a actualidade. Este grupo de fotografías está reunido baixo o título de "o taller". O terceiro grupo, "Mulleres e homes", é un contrapeso do anterior. Desaparece a maquinaria da escena, e homes e mulleres regresan ó primeiro plano de maneira individual e colectivamente. Contén retratos de tipos populares e, polo tanto, anónimos.

Reflíctense igualmente aspectos do traballo como a propia emigración española, momentos como a entrada nos vestiarios, a hora do xantar no lugar de traballo e o tempo de lecer. Por fin, inclúense unha serie de actividades e ritos que forman parte da cultura do traballo, como a celebración de asembleas e manifestacións ou a folga.

Para o concelleiro de cultura tudense, Moisés Rodríguez Pérez, esta exposición abrangue varios obxectivos de carácter cultural. Primeiro, ao dar a coñecer un aspecto da realidade cotiá, como é o traballo. Pero esta realidade amósase dende unha doble perspectiva: o seu aspecto histórico e artístico, pois a fotografía é testemuña da vida pero tamén abrese á creatividade. Por outra banda, esta mostra reflicte o traballo da Fundación 10 de marzo de divulgación dun valioso patrimonio documental e gráfico procedente de diversos arquitos sindicais, de empresa (como a Empresa Nacional Bazán de Ferrol) e de particulares.