Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui acolle esta fin de semana o Campionato de España de Wakeboard

24/07/2009

Tui acolle esta fin de semana o Campionato de España de Wakeboard

 

Hoxe comezan en augas do río Miño, fronte as instalacións do Centro Interfederado de Remo e Piragüismo os adestramentos do Campionato de España de Wakeboard que mañá e pasado se vai celebrar en Tui. Máis de 35 riders chegados de toda España van participar nesta competición. 8 dos esquiadores son galegos entre os que están os favoritos para facerse co título que son Ana Álvarez, que adestra habitualmente en Tui, e Andrés Araya.

 

Estes deportistas terán que facer unha serie de evolucións, trucos e piruetas sobre a auga nunha distancia con boias e nun tempo cronometrado.

 

Mañá sábado a competición farase de 9 a 18h e o domingo de 9 a 14, estando prevista a entrega de premios para o domingo ás tres da tarde, onde estará o Presidente da Federación Española de Esquí Náutico.

 

Na presentación do Campionato que tivo lugar no día de onte no Concello estiveron tamén presentes o Alcalde de Tui, Antonio Fernández Rocha, o Presidente da Federación Galega de Esquí Náutico, Jacobo Pereira, e o Presidente do Club Náutico San Telmo, Jose Joaquín García.

 

Fernández Rocha amosou a súa satisfacción por este recoñecemento ao río Miño e a Tui, salientando que non se pode vivir de costas ao río. Tamén felicitou ao Club Náutico polo seu traballo pioneiro no esquí en Tui, e polo coidado e mantemento que realiza do porto deportivo. Remataba indicando que este tivo de probas repercuten favorablemente na hostalaría tudense cun elevado número de ocupación en diferentes establecementos.

 

Pero amais esta fin de semana, segundo explicaba Jacobo Pereira, tamén a selección de esquí náutico da Federación Galega vai realizar os seus adestramentos en Tui. Destacando que a cidade "é o mellor sitio de Galicia para adestrar".