Pronóstico de Tutiempo.net
Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui acolle esta fin de semana a Final Four de Baloncesto infantil masculino na que o CB Tui busca a clasificación ao Campionato de España.

28/05/2021

O Club Baloncesto Tui busca nesta Final Four ser un dos tres equipos que representará a Galicia no Campionato de España de Clubes.

O Vello Pavillón de Tui acolle esta fin de semana a Final Four de Baloncesto na que o equipo infantil masculino do Club Baloncesto Tui disputará mañá sábado, a clasificación para o Campionato de España que se celebrará en Betanzos.

A competición foi presentada esta mañá na casa do concello polo alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, o responsable da área de Vigo da Federación Galega de Baloncesto, José Luís Pérez, e o presidente e director deportivo do CB Tui, Nicolás Lorenzo e Javier Niño.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, indicaba que “o baloncesto é para Tui unha sinal de identidade e a celebración desta Final Four será un momento importante e feliz para esta cidade”. Por outra parte, o rexedor felicitaba a Nicolás Lorenzo por asumir de novo a presidencia do Club Baloncesto Tui e reiteraba o seu agradecemento a Federación Galega de Baloncesto por elixir Tui  para a celebración deste evento. Salientaba tamén o compromiso do Concello de Tui co baloncesto lembrando a recente remodelación do Novo Pavillón e avanza que nos vindeiros meses o Vello Pavillón remodelarase por completo.

O concelleiro de Deportes de Tui, Rafael Estévez, felicitou ao equipo infantil por esta clasificación para disputar a Final Four ao Campionato de España e reafirmábase “no compromiso do concello co deporte, aumentando a partida destinada, nos orzamentos aprobados onte, a subvención para clubs de 97.500 a 119.000 euros”. 

O presidente do Club Baloncesto Tui, Nicolás Lorenzo, recoñecía o “intenso labor do concello no mantemento das instalacións deportivas” e explicaba que o CB Tui nesta final a catro e sendo o campión da liga regular,  é o principal favorito.  Lembraba tamén que “o CB Tui en deporte base é un dos equipos principais a nivel galego, enfrontándose e competindo ao mesmo nivel con equipos máis grandes e con maior presuposto e recursos”.

Por último, o responsable da área de Vigo da Federación Galega de Baloncesto, destacaba a sintonía da federación coa nova directiva do CB Tui e recoñecía “a importante historia desta cidade como sede de campionatos de Baloncesto”. Felicitaba tamén ao equipo tudense polos seus éxitos xa que tamén o equipo de Segunda División xoga esta fin de semana en Ourense outra Final Four na que busca o ascenso a Primeira División e o título de Campión Autonómico.    

O vello pavillón municipal de Tui acollerá mañá ás 10..30 a primeira semifinal entre o Papelya! Seis do Nadal e o Instituto Rosalía. Ás 12:30 h xogarase a segunda seminfinal entre o CB Tui e o Aringal Basket Ferrol. Ás 17.30 h terá lugar o partido polo terceiro e cuarto posto. A final celebrarase ás 19:30 h que se poderá seguir a través de Fegaba Tv, a canle de Youtube da Federación Galega de Baloncesto.

Cumprindo as medidas de prevención sanitaria da Xunta de Galicia, o aforo do pavillón estará reducido ao 30% da súa capacidade. Pódese reservar unha praza para asistir aos encontros por Whatsapp nos teléfonos 634 61 60 76 ou 696 48 22 49.