Tui acende un Nadal cheo de maxia e luz
Será o próximo venres 28 de novembro ás 18.30 h na praza da Inmaculada
Tui prepárase para acender a súa luz máis máxica o próximo venres, 28 de novembro comezando o Nadal, cun percorrido luminoso, musical e de actividades cheas de maxia que transformarán a cidade unindo tradición, ilusión, e innovación.
A praza da Inmaculada será un dos lugares centrais do Nadal en Tui coa colocación dun gran abeto de 6,5 metros de alto chamado a converterse nunha das iconas destas festas. Aquí terá lugar o acendido da iluminación o venres 28 ás 18.30 h nun acto que contará participación de elfos e da Fada do Aloia. Un ceo de luces e a máxica neve converterán este lugar nun auténtico escenario de Nadal.
Esa mesma xornada abrirán as 25 casetas que conformarán o Mercado de Nadal que até o 5 de xaneiro se celebrará na mesma praza da Inmaculada e no Paseo da Corredoira.
Unha das novidades deste ano será un fermoso carrusel que a partir de decembro se instalará nesta céntrica praza, que permitirá aos cativos e cativas realizar unha viaxe fantástica. Este será amais en elemento dinamizador do comercio local, xa que os tickets por importe superior a 10€ dos establecementos comerciais tudenses poderán canxearse gratuitamente por un billete.
Tamén será novidade a presenza no Paseo da Corredoira de A Fada do Aloia coa súa casa máxica na que realizará obradoiros, e recibirá aos nenos e nenas durante estas festas. Papa Noel visitará en decembro o Mercado de San Antonio onde, no seu trono, recibirá á cativada que desexe saudalo.
O tren da Eurocidade unirá este Nadal o centro histórico valenciano co centro urbano de Tui nunha viaxe moi especial. Na Oficina de Turismo poderá visitarse o Belén de Mingos, e as rúas e prazas volverán contar cunha coidada e respectuosa decoración elaborada con material de refugallo, que propiciará un ambiente moi especial nestas datas.





