Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui acende mañá venres os máis de 4.500 micro leds do alumeado de Nadal

2/12/2021

Tamén dende mañá poderá verse na rúa a decoración de Nadal na que este ano colaboraron as asociacións culturais do municipio

Máis de 4.500 micro leds instalados en máis de 300 elementos decorativos coma arcos e guirnaldas, serán acendidos mañá ás 18.30 h dende a Praza da Inmaculada, nun acto de acendido simbólico do Nadal en Tui. 

Os elementos luminosos con motivos propios destas datas foron colocados nas rúas do centro urbano, no conxunto histórico e nos puntos de entrada ás distintas parroquias. Amais volverá iluminarse o gran abeto situado no cruzamento entre a Avenida da Concordia, a rúa Maristas e o Paseo da Corredoira. Os nenos e nenas que acudan ao acto de acendido na Praza da Inmaculada recibirán un agasallo, e o público en xeral poderá gozar da música da Charanga A Tu Ritmo que amenizará este momento. Posteriormente ás 20 h será a quenda da Rondalla de Pexegueiro que percorrerá as rúas do centro urbano.

Tui vístese especialmente para estas festas xa que amais da iluminación de Nadal nas rúas figuran os elementos decorativos cunha gran árbore de madeira, o tren, renos, coellos,… que foron elaborados polo persoa municipal da nave. Pero amais este ano convidouse tamén ás asociacións culturais do municipio a sumarse á elaboración desta decoración de Nadal.  Así as asociación culturais Seixos Albos de Areas, Arume de Malvas, Val de Flores de Baldráns, A Insua de Caldelas, Lembranzas da Terra de Guillarei, Laxes de Paramos, Aloia de Pazos de Reis, O Mosteiro de Pexegueiros, Xuntanza de Randufe, San Fins de Rebordáns, Santa Columba de Ribadelouro, San Roque e San Bartolome, San Telmo de Tui, Traxe Tradicional de Tui e a asociación  das Amas de Casa.

A casiña de chocolate, un pergamino no que deixar mensaxes de Nadal, o buzón de para Papa Noel e os Reis Magos, forman parte tamén desta decoración de Nadal na que prima a reutilización de elementos e a reciclaxe seguindo a liña marcada nos últimos anos.

Dende a concellería de Cultura, a súa responsable Sonsoles Vicente, maniféstase o agradecemento a todas as asociacións culturais que aceptaron o convite do Concello e se sumaron a elaborar esta decoración de Nadal, así coma ao persoal municipal. Con este acto dase comezo ao programa festivo de Nadal na cidade que mañá mesmo se dará a coñecer.