Tui acende este sábado o Nadal
Máis de 500 mil luces iluminarán a cidade. Abrirán o Taller Máxico de Papa Noel e o Mercado de Nadal
Tui acenderá este sábado, 30 de novembro, ás 18.30 h o seu Nadal. Será co simbólico acto de acendido do alumeado de Nadal que se desenvolverá na praza da Inmaculada. Máis de 506 mil bombillas led e máis de 4 mil metros de elementos luminosos encherán de luz e de cor das rúas e prazas da cidade para vivir un Nadal cheo de maxia. O acendido das luces contará coa banda sonora do Coro Infantil de Pazos de Reis que interpretará composicións propias destas datas enchendo de música a Praza da Inmaculada. Tras o acendido, na mesma praza da Inmaculada, abrirá as súas portas o Taller Máxico de Papa Noel, a gran novidade da programación deste ano. O taller de xoguetes, a oficina postal, o despacho de Papa Noel, e mesmo a cociña con arrencendos doces, trasladaranse dende Laponia a Tui para contaxiar de toda a maxia e ilusión do Nadal a pequenos e maiores. Os elfos serán os anfitrións dun lugar encantado e cheo de soños.
A poucos metros, no Paseo da Corredoira, abrirán as súas portas as vinte casetas de madeira que conforman este ano o Mercado de Nadal. Un evento que conta cunha coidada decoración, e que brindará tanto artesanía coma gastronomía até o 5 de xaneiro. Flores de Pascua, decoración de Nadal, gorros de elfo e Papa Noel, árbores, adornos, formarán parte dos produtos que se ofertarán xunto a filloas, chocolate quente, mel, hamburguesas,… poderanse degustar na Corredoira este Nadal.
Distintos puntos da cidade coma a rúa Ourense, o Paseo da Corredoira, a rúa Ordóñez ou a Praza de San Fernando, entre outros, transfórmanse nestas datas grazas á coidada decoración elaborada por persoal municipal con elementos reciclados e reutilizados. Ano a ano engaden novos motivos e detalles creando con mimo fantásticos escenarios cheos da ilusión do Nadal.
Este Nadal poderase visitar na Oficina de Turismo o Belén de grandes dimensións de Mingos Méndez, que será inaugurado este domingo ás 18 h. A continuación actuará a Rondalla O Mosteiro de Pexegueiro.
As rúas de Tui, o Teatro Municipal, e o edificio recentemente rehabilitado na rúa Camilo José Cela serán o escenario das actuacións musicais previstas a cargo de distintas agrupacións coma o alumnado do Conservatorio e da Escola de Música, coros e corais, a Banda de Música Popular de Tui ou mesmo rondallas.
Máis aló da fantasía que creará o Taller Máxico de Papa Noel no edificio da praza da Inmaculada, os nenos e nenas poderán tamén gozar con diversidade de obradoiros na Biblioteca e mesmo cos Bolechas. O Nadal é tempo tamén de lectura e nestas datas serán presentados novos libros. O cinema estará presente a través da serie documental sobre Rosendo Salvado que se proxectará no Teatro Tudense. E na oferta festiva destas datas non faltará o deporte coa San Silvestre Tudense. Esta proba será solidaria ao igual que a andaina que pecha o calendario da Eurocidade Tui-Valença. E facer realidade os desexos de nenos e nenas será posible grazas á Árbore dos Desexos, situada no Taller Máxico de Papa Noel, onde a nosa solidariedade se transforma en agasallos para os cativos e cativas das familias ás que axuda SOS Tomiño-Baixo Miño.
Durante o Nadal, dende este venres, o tren turístico de Nadal da Eurocidade comunicará os centros históricos de Tui e Valença os venres, sábados e domingos, e dende o 20 de decembro até o 5 de xaneiro farao con viaxes diarias.
A programación culminará coa única Cabalgata Internacional de Reis entre dous países que un ano máis traerá a Melchor, Gaspar e Baltasar á Eurocidade-Tui Valença nun percorrido fantástico, cheo de ledicia e imaxinación.
A maxia, a ilusión, e o espírito do Nadal brillarán con luz propia durante corenta días nas rúas e prazas tudenses, cunha programación pensada para o goce de todos os públicos dende o máis pequenos ao máis maiores, nunhas datas entrañables, cheas de ilusión, solidariedade e cariño.