Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A tudense Silvia Villaverde gañadora do concurso de carteis das festas de San Telmo 2009

10/03/2009

A TUDENSE SILVIA VILLAVERDE MIGUEZ, GAÑADORA DO CONCURSO DE CARTEIS DAS FESTAS DE SAN TELMO 2009

 

A deseñadora tudense Silvia Villaverde Míguez resultou a gañadora do concurso convocado pola Concellería de Cultura do Concello de Tui para a elección do cartel anunciador das festas de San Telmo 2009 cunha proposta que o xurado valorou como creativa, innovadora e representativa de Tui e as súas festas patronais.

 

Un total de 22 carteis participaron neste concurso convocado por vez primeira polo Concello tudense, en colaboración coa Comisión de Festas de San Telmo, co obxectivo de dotar dunha imaxe promocional, máis atractiva, ás festas patronais da cidade. Tras a deliberación do xurado resultou elixida como obra gañadora a presentada co lema "Un paseo pola cultura" que aberta a correspondente plica resultou ser da autoría de Silvia Villaverde Míguez, deseñadora de 24 anos natural deste Concello. O premio único deste concurso está dotado con 500 euros.

 

Coas obras presentadas ao concurso o Concello de Tui organizará na segunda quincena de marzo unha exposición pública no Anexo da Sala Municipal de Exposicións.

 

Para o concelleiro de cultura tudense, Moisés Rodríguez Pérez, resultou un acerto a convocatoria deste certame pois a alta participación acadada nesta primeira edición do concurso evidencia o interese que esta iniciativa suscitou, ao tempo salienta a grande calidade de moitos dos traballos presentados que alongou as deliberacións do xurado.

 

Este cartel que recolle diversas imaxes simbólicas da nosa cidade e reflicte o ambiente festivo propio das festas santelmianas será o elemento promocional desta celebración tanto do libro-programa das festas como da cartelería anunciadora dos festexos.

 

Para Rodríguez Pérez a satisfactoria participación nesta primeira convocatoria anima ao Concello de Tui a pensar nunha nova edición para o vindeiro ano deste concurso de carteis para as festas de San Telmo 2010.