Trinta e dous equipos de Galicia e Portugal participan na II Amura Galician Rising Stars Cup
Disputase no campo de fútbol municipal Álvarez Durán este sábado na categoría Infantil e o domingo na Cadete
O Campo de Fútbol municipal Álvarez Durán acolle esta fin de semana o II Amura Galician Rising Stars Cup no que van participar preto de 700 deportistas de 32 equipos de clubs de Galicia e Portugal.
Nestas instalacións deportivas presentouse este mediodía este evento organizado polo club Galicia Rising Stars, coa colaboración do Concello de Tui, do Tyde F.C., da Deputación de Pontevedra e de Turismo de Galicia. Interviron o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o concelleiro de Deportes de Tui, Rafael Estévez, o director das Escolas Deportivas do Tyde, José Manuel Quintana, o CEO de Amura, Carlos Calo e o presidente do club organizador, Miguel Dosantos.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, na súa intervención sinalou que “é unha honra acoller este torneo en Tui” agradecendo todo o traballo que se realiza para apoiar o deporte base. Salienta coma este evento ven cubrir un oco que había na axenda deportiva tudense de contar cun torneo de fútbol base. Reafirmou Enrique Cabaleiro, o apoio ao deporte, reflectido tanto en eventos coma nas propias instalacións deportivas. Nese senso aludiu as obras que arestora se están a executar para a renovación da cuberta da grada do campo Álvarez Durán.
O concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, apostou pola consolidación deste evento e abriu a posibilidade a que en futuras edicións poida formar parte do calendario deportivo da Eurocidade, reforzando así o seu carácter internacional. Do mesmo xeito que o alcalde, o concelleiro de Deportes, comprometeu a continuidade do apoio municipal a este torneo.
O presidente do club Galicia Rising Stars, Miguel Dosantos lembrou o éxito da primeira edición celebrada o ano pasado, fixando agora como obxectivo seguir crecendo e facelo tamén en calidade. Un torneo que, segundo explicou, naceu para apoiar ao fútbol base brindándolles a oportunidade de participar nun evento destas características e que permitirá aos gañadores competir na MS2 Cup. Haberá dúas categorías Infantil, sub 14, e Cadete, sub 16, que se disputarán respectivamente sábado e domingo, con partidos moi dinámicos con 30 minutos de duración.
Jose Manuel Quintana, director das Escolas Deportivas do Tyde FC, destacou a importancia de eventos coma este cun marcado carácter lúdico e que supoñen un estímulo máis para os xogadores no remate da temporada de competición.
Dende AMURA, o seu CEO, Carlos Calo, destacou o apoio da empresa a esta competición á que se suma nesta segunda edición coma principal patrocinador, agradecendo que contaran con eles para a realización deste evento.
Na categoría Infantil participarán o Tyde FC, Balaídos CF B, UVCD Candeán, Rápido de Pereiró CF, UD Atios, Pontearas SD, Courxo FC, UD Mos, Pontevedra CF, Balaídos CF, ED Denis Suárez, CC Os Torreenses, C Rápido de Bouzas, ARC Guilhadeses, SCD Ordenes e Erizana CF. Os partidos xogaranse dende ás 9 h do sábado tanto no campo de herba natural coma do de artificial. A final xogarase ás 20 h.
O domingo, tamén a partir das 9 h, xogarán os equipos cadete do Tyde FC, UD Mos, Rácing Castrelos FC, UD Atios, CD Moaña, C Peñasco, Rápido Pereiró FC, UD Os Raianos, Ponteareas SD, AD Bosco, C Rápido de Bouzas, SCDA Matamá, Coruxo FC, CD Velle, CC Os Torreenses, i Erizana CF. A final será tamén ás 20 h.
A entrada ao II Amura Galician Rising Stars Cup será libre.