Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Títeres Cachirulo presenta hoxe no teatro “O Libro da Selva” no Teatro Municipal ás 20,30 horas

2/02/2007

Títeres Cachirulo presenta hoxe no teatro “O Libro da Selva”
Esta tarde comeza a programación do 1º semestre do ano no Teatro Municipal de Tui organizada pola Concellería de Cultura. A primeira cita desta oferta cultural chega da man de Títeres Cachirulo para pór en escena “O libro da Selva”. Será ás 20.30h nunha obra para público familiar.
O director e manipulador de Cachirulo, Jorge Rey, explicaba na sintonía da Radio Municipal de Tui que neste obra ofrecen unha nova visión do clásico de Kipling “O Libro da Selva”. É amais unha representación novidosa con monicreques de mesa que se manipulan á vista do espectador.
A versión de Cachirulo ofrécenos a historia máis completa que a coñecida película de Disney, xa que recollen tamén cando o neno protagonista, Mowgli, vai vivir á aldea dos homes, e o seu regreso e enfrontamento do tigre Sherekan.
Coma antes diciamos Cachirulo presenta aquí unha novidosa técnica de monicreques de mesa, na que os manipuladores están á vista, pero grazas o uso da iluminación o que destaca é a marioneta.
A obra vai dirixida ao público infantil a partir de cinco anos, na que tamén hai guiños para o público adulto, para facer participar a todos. En definitiva é un espectáculo familiar.
A obra comezará ás 20.30h e ten unha duración de 50 minutos. As entradas poranse á venda ás 16.30h na billeteira da Área Panorámica. Teñen un prezo de 2,5€, 2€ con desconto e 1,5€ os menores de 12 anos.