Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A terceira edición da Eurocidade 10 agarda bater record de participantes

27/05/2014

 

Martes, 27 de maio de 2014. O próximo domingo 8 de xuño celebrarase a III Eurocidade 10 organizada polo Club Atletismo Tui-Thermalia e a Eurocidade Tui-Valença. A proba, que este ano forma parte do “Tour Running Rías Baixas” da Deputación de Pontevedra, agarda chegar este ano aos 800 deportistas.

 

O Paseo da Corredoira será o lugar de saída e meta desta proba na que os corredores terán que completar unha distancia de 10 mil metros entre Tui e Valença pasando pola vella Ponte Internacional, as murallas de Valença e o Conxunto Histórico de Tui.

 

Ás 11h da mañá terá lugar a saída para todas as categorías, junior/promesa, senior e veteranos a e b.  A entrega de premios está prevista para ás 14h.

 

Hoxe tivo lugar a presentación no Salón de Plenos do Concello de Tui coa presenza do alcalde de Tui Moisés Rodríguez, o presidente da Cámara de Valença, Jorge Mendes, a deputada provincial Begoña Estévez, o concelleiro de Deportes, Nicolás Lorenzo, o vereador de Deportes de Valença, José Monte,  o directivo do Club Atletismo Tui-Thermalia, Justi Peixoto, a madriña do evento a atleta, Solange Pereira, e o atleta Víctor Riobó.

 

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, incidiu na importancia de continuar a promover o deporte e os hábitos saudables, salientando que no caso da Eurocidade 10 falamos dunha proba deportiva con todos os elementos e cun marco perfecto. Avanzou tamén a súa participación no evento o próximo mes de xuño. Ao tempo amosou o seu agradecemento ao apoio recibido da Deputación incluíndo a carreira no “Tour Running Rías Baixas” o que dicía terá efecto multiplicador.

 

O presidente da Cámara de Valença, Jorge Mendes, fixo fincapé na colaboración conxunta das dúas cidades por avanzar na promoción da Eurocidade, xa que, nas súas palabras “a Eurocidade non é unha institución, senón unha forma diferente de traballar cooperando”. Tamén aludiu á organización que se teñen involucrado de forma apaixonada para que este evento sexa un éxito.

 

A deputada provincial, Begoña Estévez, lembrou que dende a Deputación apostan por fomentar o deporte con dúas novas iniciativas coma son os “Sendeiros Rías Baixas” e o “Tour Running Rías Baixas”, formando parte deste último a Eurocidade 10. Explicou amais que aproveitando o paso da Volta Cicilista  España de novo pola provincia  decidiron vincular estas probas coa Volta, de xeito que os participantes sumarán os tempos en cada carreira outorgando ao gañador o maillot de líder do mesmo xeito que se fai na proba ciclista.

 

Justi Peixoto, director do Club Atletismo Tui-Thermalia, explicou coma a Eurocidade 10 naceu para unir dous pobos co deporte, indicando que nesta terceira edición o obxectivo pasa por acadar os 800 atletas, superando os 500 rexistrados en 2013, grazas á maior difusión que lograrán ao estar dentro do circuíto da Deputación.

 

A atleta de Valença, Solange Pereira, será a madriña da Eurocidade 10, motivo polo que se amouse moi agradecida, indicando que é para ela unha honra representar esta proba deportiva pola singularidade de unir dous países cun percorrido de paisaxes privilexiadas.

 

Eurocidade 10 ten ademais carácter solidario ao ser os trofeos realizados polos usuarios da Asociación Avelaíña de Axuda ao Enfermo Mental.

 

A inscrición pode realizarse ata o mércores 4 de xuño, ás 23.59h, en http://www.atletismotui.es/ ou en Championchipnorte, cun prezo de 3€ máis 1 euro de aluguer de chip no caso de non contar con el.