Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Teatro do Atlántico presenta o venres “Unha primavera para Aldara”

18/02/2009

Teatro do Atlántico presenta o venres "Unha primavera para Aldara"

O texto de Teresa Moure gañou o XIII Premio Rafael Dieste

 

Mércores, 18 de febreiro de 2009.  Xulio Lago ponse ao fronte dun amplo elenco de actores galegos para dar vida a "Unha primavera para Aldara", a última montaxe de Teatro do Atlántico que este venres chega a Tui. A cita será ás 21.30h no Teatro Municipal.

 

Esta obra de teatro contemporáneo foi escrita por Teresa Moure, e recibiu por unanimidade do xurado, o XIII Premio Rafael Dieste, convocado pola Deputación Provincial da Coruña. Nesta proposta hai espazo para o drama, a comedia, a traxedia, o teatro "costumista", e moitas outras cousas... que fan que o espectador teña alerta todos os sentidos, para gozar dunha peza fascinante.

 

"Unha primavera para Aldara" transcorre en tempos da Revolta Irmandiña no Mosteiro de Santa María. As monxas, que están a pasar por un momento difícil no que atinxe a súa subsistencia, vense amais debaténdose entre as regras da orde a misericordia. Todo ante a chegada dun cabaleiro, ferido na batalla, que pide asilo no mosteiro.

 

María Bouzas, Pilar Pereira, María Barcala, Belén Constenla, Marcos Correa, Josi Lage, Lucía Regueiro, Amparo Malo, Agustín Vega e Xoán C. Mejuto son os actores que dan vida a estra peza teatral.

 

Teatro do Atlántico fundouse en 1985, sendo unha das compañías de máis longa traxectoria da escena galega. Neste tempo teñen producido 24 espectáculos a partir de textos dos máis importantes dramaturgos do teatro contemporáneo. Galicia é o marco fundamental da súa actividade, aínda que tamén teñen realizado xiras por toda España, en Portugal, Arxentina, Uruguai e Venezuela, participando en diversos festivais nacionais e internacionais, presentando os seus espectáculos sempre en lingua galega. Na súa traxectoria figuran numerosos premios ao mellor espectáculo, mellor actor e mellor actriz principal e secundario, mellor dirección ou mellor escenografía.

 

As entradas teñen un prezo de 5€ , 3€ con desconto e 2 para os menores de 12 anos, e están xa á venda en www.culturatui.info, ou o venres dende ás 20h no despacho de billetes do Teatro Municipal.

 

Teatro do Atlántico con "Unha primavera para Aldara"

Lugar: Teatro Municipal

Data e hora:  Venres 20 de febreiro ás 21.30h

Prezos: 5€ - 3 € con desconto e 2€ para os menores de 12 anos

Venda de entradas: en www.culturatui.info ou o venres dende ás 20h no despacho de billetes da Área Panorámica.