Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Sons de Fronteira presenta concertos de jazz esta fin de semana na Praza de San Fernando en Tui

2/09/2014

 

Serán o venres e sábado ás 20h e ás 23h

 

Martes, 2 de setembro de 2014.A música encherá a praza de San Fernando, en Tui, co festival Sons de Fronteira que se vai celebrar este venres 5 e sábado 6. Organizado polo Concello de Tui, Foro Tude, ADEGA e Radio Municipal coa colaboración de Monumental e O Novo Cabalo Furado o jazz será o protagonista nos catro concertos programados.

 

A presentación de Sons de Fronteira tivo lugar esta mañá na Casa do Concello de Tui a cargo do alcalde, Moisés Rodríguez, o concelleiro do Conxunto Histórico, Nicolás Lorenzo, e o responsable da ADEGA, Santiago Pérez.

 

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, sinalou que a música estará acorde co entorno no que se vai celebrar o festival, aos pés da Catedral de Tui. Salientou coma  o espírito desta iniciativa é o  de cooperación, ao tempo que sinalou a proxección que esta actividade poderá ter tanto polo cartel que presenta coma pola dinamización da zona monumental, coma pola repercusión que terá na hostalería e no comercio local.

 

Nicolás Lorenzo,  concelleiro do Conxunto Histórico, explicou que Sons de Fronteira continúa o camiño andando durante dous anos polo festival de jazz organizado por distintos establecementos do casco histórico, aos que agora se suma o Concello de Tui na organización. Salientou coma esta actividade busca revitalizar esta zona da cidade do mesmo xeito que o están a facer xa o Mercado da Verdura, o Mercado de Nadal ou a Festa do Pracer. Avanzou amais o edil coma o festival de cara a próximas edicións fará unha apertura cara outros estilos musicais. Salientou coma o cartel do evento, realizado pola deseñadora local María Rodríguez, plasma perfectamente o espírito do festival.

Santiago Pérez, propietario da Adega, agradeceu ao Concello de Tui a acollida deste evento que naceu da iniciativa privada. Ao tempo explicou que o venres ás 20h actuará Joao Mortagua Trío, e ás 23h Álvaro Vieito Cuarto, e o sábado ás 20h José Manuel Díaz Trío e ás 23h Alberto Vilas Quinteto presentando o seu novo traballo discográfico "Crónica Cromática".

 

Debido á celebración de Sons de Fronteira dende o venres ás 15h os vehículos non poderán acceder ao Conxunto Histórico dende a Porta da Pía, e estará prohibido o estacionamento tanto na Praza do Concello coma na de San Fernando.


Sons na fronteira