Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

As sonatas para violín de Bach no segundo concerto de Via Stellae 2009 o sábado na Igrexa de San Domingos

8/07/2009

É o segundo dos dous concertos do IV Festival Via Stellae en Tui

As sonatas para violín de Bach no segundo concerto do Via Stellae 2009

Será este sábado ás 21h na Igrexa de Santo Domingo

 

Mércores, 8 de xullo.  A Igrexa de Santo Domingo acolle este sábado, ás 21h, o segundo concerto na cidade do Festival Via Stellae na súa cuarta edición. Este evento está promovido pola S. A. de Xestión do Plan Xacobeo da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia coa colaboración do Concello de Tui.

 

O concerto deste sábado supón unha magnífica oportunidade para descubrir as sonatas para violín de Bach da man de excelentes especialistas. Catro destas sonatas - a primeira, a segunda, a cuarta e a sexta - serán interpretadas por un trío de sensibles, coñecedores e experimentados instrumentistas especialistas no repertorio barroco como a violinista canadiense afincada en España Farran James, a clavecinista procedente de Estonia Marju Vatsel e o violagambista barcelonés Santi Mirón.

 

A entrada ao concerto é libre até completar o aforamento da Igrexa de Santo Domingo.

 

FARRAN JAMES  violín

 

Comezou a tocar o violín aos seis anos, en Vancouver (Canadá), baixo a tutela de Guver Thompson, alumno de Jascha Heifetz. Aos dezasete anos xa era solista da National Youth Orchestra de Canadá. Finalizou os seus estudos cun máster en interpretación. Participou en prestixiosos festivais de música como e os seus primeiros traballos profesionais foron con Les violons du Roy (Québec, Canadá), coa gravación de varios discos coa compañía Dorian, e tamén co Metamorphoses Ensemble (Harvard, Boston). Actualmente vive en España, onde colabora con moitos grupos de música antiga.

 

MARJU VATSEL  clave

 

Realizou os estudos superiores de piano no Tallinna Konservatoorium (Estonia), onde tamén estudou clave. Interesada na estética e na interpretación dos instrumentos de teclado históricos, continuou os seus estudos de no Conservatorio Nacional de Toulouse. Actuou como solista e membro de diversos grupos de cámara e de orquestras en Estonia, Finlandia, Alemaña, Inglaterra e España.

 

SANTI MIRÓN   viola de gamba

 

Naceu en Barcelona e comezou a estudar viola da gamba en 1995 con Clara Hernández e Pere Ros, no conservatorio de Barcelona. En 1998 trasladouse a Estrasburgo e no conservatorio desta cidade estudou con Guido Balestracci e Martin Bauer e obtivo a medaille d'or no ano 2000. Máis tarde estudou na Escola Superior de Música de Cataluña (ESMUC) con Sophie Watillon e Jordi Savall. Foi membro do consort de violas Banchetto Musicale (Pere Ros) e L'Amoroso (Guido Balestracci) e formou parte tamén de numerosos grupos e orquestras.

 

No 2001 fundou en Holanda co recoñecido internacionalmente Martin Gester o ensemble Anima e Corpo. O próximo proxecto do grupo é a gravación da integral das cantatas de Domenico Scarlatti coa soprano Marta Almajano.

IV Festival Via Stellae

Data e hora:  Sábado 11 de xullo ás 21h

Lugar: Igrexa de Santo Domingo

 

As sonatas para clave, violín e viola da gamba de Bach

FARRAN JAMES  violín

MARJU VATSEL clave

SANTI MIRÓN  viola da gamba

 

ENTRADA LIBRE  até completar o aforamento