Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Selección Uruguaia de Remo prepara en Tui a regata clasificatoria para Tokio 2021

21/08/2020

Hoxe foron recibidos na casa do concello polo alcalde e membros da corporación

A Selección Uruguaia de Remo está concentrada até o mes de outubro no CETD de Remo de Tui. Está mañá foron recibidos na casa do concello polo alcalde, Enrique Cabaleiro, o concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, e representantes dos cinco grupos presentes na corporación municipal: Jose Ramón Magán do PSOE, José Ángel Fernández do PP, Pilar Besada de C’s, José Martínez Tato do BNG, José Manuel Palacín de C21 e Laureano Alonso de En Marea.  Estivo tamén presente Manuel Ángel González, presidente do Club Remo do Miño, e Jesús González, remeiro tudense do Remo do Miño. 

Baixo a dirección técnica de Osvaldo Ruben Borchi os integrantes do combinado nacional, Zoe Dáne Acosta, Bruno Cetraro, Felipe Kluver, Martín Nicolas Zócalo, Leando Joaquín Rodas e Newton Eric Seawright, prepararán en Tui a regata clasificatoria para os Xogos Olímpicos de Tokio 2021.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, trasladou aos integrantes da selección uruguaia a súa gratitude por ter elixido Tui para os seus adestramentos. Indicou o rexedor que é un orgullo para a cidade poder contar co equipo aquí, nun municipio no que a práctica do deporte, e sobre todo do remo e do piragüismo son unha “sinal de identidade” e conta cunha “tradición moi arraigada”. Referiuse tamén Enrique Cabaleiro aos lazos culturais compartidos entre galegos e uruguaios froito da emigración galega a ese país. 

O concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, destacou que para os deportistas tudenses é unha experiencia única poder compartir xornadas de adestramento e convivencia coa selección nacional que está a preparar a súa clasificación para os Xogos Olímpicos.  Ao tempo expuxo o apoio do concello durante os dous meses de estadía na cidade. 

O presidente do Club Remo do Miño, Manuel Ángel González, indicou que dende o remo local tentarán aproveitar esta oportunidade e aprender desta experiencia. Pola súa parte o remeiro Jesús González, explicou que é unha honra para o club, para Tui e para Galicia poder contar coa selección nacional adestrando na cidade.

Osvaldo Ruben Borchi, adestrador da Selección Uruguaia de Remo, salientou na súa intervención as características das instalacións e o excelente trato recibido. Así manifestaba que “isto é un paraíso”. 

No remate da recepción os remeiros e o adestrador foron obsequiados cun pequeno detalle por parte do concello, ao tempo que o adestrador uruguaio entregou tamén ao alcalde e ao presidente do Remo do Miño sendos agasallos.