Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Seis visitas guiadas por especialistas forman parte do programa “Coñece o noso Patrimonio”

2/07/2024

Está organizado polo Instituto de Estudos Tudenses coa colaboración do Concello de Tui. Celebrarase do 15 de xullo ao 20 de agosto

O Instituto de Estudios Tudenses retoma, tras o éxito do ano pasado, o seu programa denominado “Coñece o noso patrimonio” que comprende un total de seis visitas guiadas a elementos patrimoniais tudenses a cargo de especialistas do propio Instituto. Este programa, a desenvolver neste mes de xullo e no de agosto, conta coa colaboración da concellería de Turismo e Patrimonio do Concello de Tui.

O historiador Rafael Sánchez Bargiela comezará estes roteiros o luns 15 de xullo cun percorrido dende a Glorieta de Vigo ata a ponte internacional. A seguinte cita estará a cargo do arqueólogo Benito Vilas que o martes 23 de xullo realizará unha visita comentada aos gravados rupestres do Alto dos Cubos e Rozacús na parroquia de Randufe.

Continuará este ciclo coa presenza da profesora de Historia da Arte da USC, Marta Cendón, que o mércores 31 de xullo comentará o proceso construtivo da catedral tudense. Na seguinte semana, o xoves 8 de agosto, o arqueólogo tudense Juan José Perles abordará as transformacións da cidade de Tui a través dos seus recintos amurallados.

As dúas últimas visitas comentadas estarán a cargo de Carmen Manso Porto, responsable da Sección de Cartografía e Artes Gráficas da Biblioteca da Real Academia de la Historia, na igrexa conventual de San Domingos o martes 13 de agosto, finalizando este ciclo, o martes 20 de agosto, o historiador Suso Vila cun percorrido para comentar a evolución urbana de Tui: do burgo altomedieval á cidade de Fernando II.

Dende o Instituto de Estudios Tudenses abordan este novo ciclo de visitas guiadas co obxectivo de contribuír ao coñecemento e divulgación do amplo acervo patrimonial que atesoura a nosa cidade e que paralelamente contribuirá a súa mellor conservación.

A concelleira de Turismo e Patrimonio do concello de Tui, Ana María Núñez Álvarez, agradece este programa “Coñece o noso patrimonio” que organiza o Instituto de Estudios Tudenses, confiando en repetir o éxito e acollida que tivo xa o verán pasado.  

O aforo para estas visitas é limitado. É preciso inscribirse de forma gratuíta no correo biblioteca@tui.gal  indicando nome e apelidos, teléfono de contacto e visita elixida. Débese enviar unha mensaxe por cada ruta na que se desexe participar.

PROGRAMA COÑECE O NOSO PATRIMONIO

  • Luns, 15 de xullo, ás 20.30 h
    • “Da Glorieta á ponte internacional, paseando con outra mirada” por Rafael Sánchez Bargiela, historiador
    • Inicio Glorieta de Vigo
  • Martes, 23 de xullo, ás 20.30 h
    • “Arqueoloxía no Alto do Coello y Rozacús” por Benito Vilas, arqueólogo 
    • Inicio Alto do Coello – Randufe
  • Mércores, 31 de xullo, ás 20.30 h
    • “El proceso constructivo de la catedral tudense a través de su exterior” por Marta Cendón Fernández, profesora da USC.
    • Inicio fachada norte da Catedral (rúa Párroco Manuel Rodríguez Vázquez).
  • Xoves, 8 de agosto, ás 20.30 h
    • “Transformacións da cidade de Tui a través dos seus recintos amurallados” por Juan José Perles Fontao, arqueólogo.
    • Inicio Praza do Concello  
  • Martes, 13 de agosto, ás 20.00 h
    • “Santo Domingo de Tui, ejemplo de arquitectura mendicante en Galicia “ por Carmen Manso Porto, da Real Academia de la Historia
    • Inicio Igrexa de San Domingos
  • Martes, 20 de agosto, ás 20.00 h
    • "Evolución urbana de Tui: do burgo altomedieval á cidade de Fernando II" por Suso Vila, doutor en Historia da Arte pola USC
    • Inicio Oficina Municipal de Turismo (Paseo da Corredoira).