Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Samuel Diz e Jonatan Alvarado estrean en Tui o repertorio inédito de Gustavo Durán

12/02/2026
O amor protagonizará este concerto de guitarra e voz no Teatro Municipal

Unha viaxe polos sentimentos máis profundos do ser humano será a que ofrecerá o concerto El mal de l’Amor este venres ás 21 h no Teatro Municipal de Tui. O músico e investigador tudense Samuel Diz e o tenor e investigador arxentino Jonatan Alvarado presentarán o seu novo disco no que se recolle repertorio inédito de Gustavo Durán.

Será nun concerto íntimo e instrumental, con guitarra e voz, onde o público descubrirá a través da música as inquedanzas e o amor en todas as súas formas posibles. O traballo reflicte tamén a diversidade lingüística do compositor, con pezas en castelán antigo e actual, galego, portugués, brasileiro e linguas de tradición oral americana.

Gustavo Durán é unha das figuras máis enigmáticas do século XX. Naceu en Barcelona en 1906, foi compositor da Xeración do 27, exiliouse en Inglaterra e alí casou coa estadounidense Bonté Compton. Ambos trasladáronse despois a Nova York, onde tiveron tres fillas. A súa vida estivo marcada pola persecución política en España e Estados Unidos.

O disco El mal de l’Amor foi gravado en abril de 2025 en Dartington Hall (Inglaterra), un espazo histórico cargado de simbolismo na vida de Gustavo Durán, e contou coa colaboración directa da súa familia, incluídas as súas fillas Lucy Durán, como produtora musical, e Jane Durán, poeta e tradutora dos textos das cancións.  

O concerto deste venres no Teatro Municipal de Tui preséntase como unha oportunidade única para descubrir unha figura fundamental da cultura do século XX e para gozar dun espectáculo de grande beleza e profundidade artística. Será unha ocasión especial ademais porque as fillas de Gustavo Durán, Lucy e Jane Durán, estarán en Tui para asistir ao evento.

As entradas están xa á venda en tui.gal aos prezos de 10€ e 7,5€.

 


ENTRADAS