A Sala Municipal acolle a exposici'ón “A fermosura do pequeno” con maquetas de José Martínez Clotet
Recolle 75 maquetas entre a que destaca a de gran tamaño de Tui, Valença e a Ponte Internacional. Por vez primeira expóñense as das fachadas da Corredoira
Coincidindo coas festas de San Telmo a Sala Municipal de Exposicións, no edificio Francisco Sánchez, acolle unha excepcional exposición de maquetas de Tui realizadas por José Martínez Clotet. Co título de “A fermosura do pequeno” esta mostra presenta un total de 75 pezas, onde salientan as espectaculares maquetas de Tui e Valença, ás que se unen as 42 fachadas de todos os edificios do Paseo da Corredoira tudense e as 29 maquetas de monumentos, igrexas e outros edificios singulares do municipio.
José Martínez Clotet, natural de Murcia pero radicado en Tui dende hai moitas décadas, é un afeccionado ao maquetismo, que comezou a elaboración destas maquetas no ano 1981 reproducindo a tamaño reducido os principais monumentos e lugares do noso municipio. A última das súas achegas foi a reprodución das fachadas dos edificios do emblemático paseo tudense da Corredoira, que é a primeira ocasión en que se expoñen ao público.
Sonsoles Vicente Solla, concelleira de Cultura, agradece ao propio autor, José Martínez Clotet, así como a Alejandro Pardo, propietario dun bo número das maquetas exhibidas, a súa inestimable colaboración para realizar esta mostra coa cesión das maquetas que se exhiben na Sala Municipal de Exposicións ata o vindeiro 10 de maio.
Esta colección, resalta a concelleira tudense, resulta enormemente atractiva tanto polo seu valor case documental ao achegarnos aos monumentos tudenses como polo seu valor como expresión artesanal, pois Martínez Clotet ten elaborado estas miniaturas de xeito completamente manual pero cunha extraordinaria habelencia no seu traballo, cheo de minuciosidade e paciencia.
Sonsoles Vicente anima a todos os tudenses a visitar esta exposición que está recibindo numerosas visitas e eloxios. O horario de apertura é os días laborais de 9 a 14 h e de 15.30 a 20.30 h, e os sábados, domingos e festivos de 12 a 14 h e de 17 a 21 h.