Pronóstico de Tutiempo.net
Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A SALA DE EXPOSICIÓNS MUNICIPAL ACOLLE A EXPOSICIÓN "A TRAVÉS DAS ENERXIAS" DO 4 AO 14 DE SETEMBRO

1/09/2006

A Sala de Exposicións Municipal do Concello de Tui (Rúa colón, 2 – Edificio da Área Panorámica) acolle entre o 4 e o 14 de setembro a exposición “A través das enerxias” que organiza o Instituto Enerxético de Galicia en colaboración coa Concellería de Cultura do Concello de Tui.
Esta exposición trata de dar unha visión global aos visitantes dos diferentes aspectos da enerxía (recursos, xeración, distribución, uso eficiente, etc.), combinando tanto materiais escritos como audiovisuais e experimentais, que permiten achegarse a un mundo descoñecido en xeral pola poboación
A exposición integra nos seus espacios experiencias que definen as enerxías renovables e o seu carácter limpo, e o aforro e a eficiencia enerxética: desde un parque eólico e paneis solares en pequena escala, nos que se evidencia dun xeito animado o aproveitamento destas fontes enerxéticas limpas, ata unha bicicleta estática demostrativa do esforzo necesario que hai que realizar para acender unhas lámpadas, así como diferentes paneis demostrativos do consumo eléctrico, do funcionamento da enerxía solar fotovoltaica, ou do que é un pila de combustible, etc. Con este material búscase que o visitante comprenda os ratios enerxéticos que se obteñen de cada fonte e cómo hai que racionalizar o seu uso para fomentar un comportamento máis respectuoso co medio ambiente.
A exposición “A través das enerxias” é pois un espacio didáctico e participativo onde os visitantes sométense a todo os aspectos relacionados coa enerxía.
Pretendemos:
· Mellora-la comprensión sobre a importancia dos recursos enerxéticos.
· Fomenta-la necesidade de incrementa-la participación das fontes renovables no escenario da xeración enerxética.
· Profundizar nos factores económicos e ambientais derivados do consumo.
Así o público:
· Adquire coñecementos básicos sobre as diferentes fontes de enerxía.
· A súa transformación.
· O seu consumo.
No pasado ano visitaron a exposición o redor de 30.000 persoas, na súa maioría alumnos dos centros educativos, tamén participamos en Mostras, Feiras e Exposicións, a maioría das veces en tempo de vacacións escolares.
Dende a Concellería de Cultura do Concello de Tui anímase aos veciños a achegarse a visitar esta exposición que de seguro que resultará de interese. As visitas en horario matinal de 10 a 14 horas serán de carácter guiado por persoal do propio Instituto Enerxético de Galicia. Ás tardes a exposición abrirá ao público de 17,00 a 20,30 horas.