Saen a licitación os derradeiros catro postos vacantes do Mercado de San Antonio
Trátase dunha excelente oportunidade de emprendemento nunha praza de abastos revitalizada e referente
O Concello de Tui vén de sacar a licitación os derradeiros catro postos vacantes do Mercado de San Antonio. Dende hoxe e até o 13 de marzo as persoas interesadas poden presentar a súa solicitude por rexistro de entrada na casa do concello ou a través da Sede Electrónica do Concello de Tui.
Esta é unha oportunidade única para persoas emprendedoras e comerciantes que desexen formar parte deste mercado revitalizado, caracterizado pola súa ampla variedade de produtos e servizos diferenciadores.
Os postos dispoñibles son o 3 destinado a carnicería cunha superficie de 34 m2, o 5 para comida para levar de 17 m2, o 12 para Froita e Verdura de 17 m2, e o 13 para Alimentación como bacallau e produtos conxelados entre outros de 17 m2. Con esta licitación o obxectivo é completar e enriquecer a oferta actual e satisfacer as demandas dos consumidores. O canon base de licitación é de 250€/m2. Así o canón mínimo do posto a 15 anos é de 8.500€ para o posto 3 e de 4.250 € para os postos 5, 12 e 13.
Cómpre lembrar que o Mercado de San Antonio, situado na rúa Maristas, foi obxecto dunha reforma integral concluída en setembro de 2024, cun investimento superior a 1,3 millóns de euros. Esta modernización transformou a praza de abastos nun espazo máis confortable e eficiente enerxeticamente, reforzando o seu papel como centro neurálxico do comercio local.
A concelleira de Comercio e Mercado, Ana Núñez, destaca que coa licitación destes 4 postos completarase a oferta do Mercado de San Antonio que se ten convertido en referente, ofrecendo produtos de calidade, de cercanía, e co trato profesional e cercano dos praceiros e praceiras.
As persoas interesadas poden ampliar a información sobre a licitación destes catro postos en tui.gal, na sede electrónica do Concello de Tui e na Plataforma de Contratación do Sector Público.