Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Roi Rodríguez, padeeiro do Club Kaiak Tudense, Campión de Europa Sub23

1/07/2014

 

Luns, 30 de xuño de 2014. Esta fin de semana disputouse na localidade francesa de Manes en Yvelines o Campionato de Europa de Piragüismo en pista, nas categorías Sub23 e Júnior, onde o padeeiro do Club Kaiak Tudense, Roi Rodríguez, se proclamou Campión de Europa Sub23 de K1 1.000 metros.

 

Neste campionato, o padeeiro demostrou estar nun magnífico estado de forma, ao impoñerse na semifinal e na final ao ruso Nicolay Chervov e ao rumano Constantin Minorescu.

 

Na xornada do domingo, Roi Rodríguez tamén disputou a final da competición de K1 500 metros, rematando a tan só un segundo do primeiro posto, e acadando a quinta posición nunha das regatas máis espectaculares do campionato.

 

O Concello de Tui felicita a Roi Rodríguez ao proclamarse Campión de Europa Sub23, así como aos seus adestradores e directivos do Club Kaiak Tudense, por un novo éxito a nivel internacional.

 

Este campionato acadado por Roi Rodríguez seguro que non será o último deste ano, dado que os padeeiros do Club Kaiak Tudense teñen por diante varias competicións internacionais, como o Campionato de Europa Absoluto, que se disputará na cidade alemá de Brandeburgo, entre o 11 e o 13 de xullo, no que competirán Víctor Rodríguez (K2 1.000m), Diego Piña (K4 1.000m), Rubén Millán (K1 1.000m), Roi Rodríguez (K1 500m) e Carla Pérez (k1 200m), o Campionato do Mundo Sub23, a disputar en Szegued (Hungría), entre os días 17 e 20 de xullo, onde competirá Rubén Millán (K4 1.000m) e o Campionato do Mundo Absoluto, que se disputará en Moscú, entre o 6 e o 10 de agosto, no que participarán Víctor Rodríguez (K2 1.000m), Diego Piña (K2 500m), Rubén Millán (K2 500m), Óscar Carrera (K4 1.000m) e Ana Varela (k4 500m ou K2 500m). Polo que o Concello de Tui desexa moitos éxitos a todos os padeeiros do Club Kaiak Tudense nestas próximas competicións.

 

Tamén no mundo do piragüismo, pero na modalidade de slalom, o padeeiro do Club Piragüismo Penedo, Luís Fernández, encóntrase en Macedonia, preparando o Campionato de Europa Júnior e Sub23, que se celebrará en Skopje, do 3 ao 6 de xullo, onde participará na categoría C1 individual e por patrullas.

 

Esta será a súa segunda participación internacional co Equipo Nacional, tras o éxito no Campionato do Mundo do pasado mes de abril de Australia, onde acadou a medalla de bronce en patrullas C1 e oitavo na final individual.

 

Polo que o Concello de Tui desexa moitos éxitos a tódolos padeeiros do Club Kayak Tudense e a Luís Fernández do Club Piragüismo Caldelas nestas próximas competicións.