Resultados do IV Trofeo Cidade de Tui de baile deportivo
IV TROFEO CONCELLO TUI DE BAILE DEPORTIVO
19 de novembro de 2012. Este domingo 18 de novembro celebrouse no Novo Pavillón Deportivo Municipal de Tui (Pontevedra) o IV Trofeo Concello de Tui de Baile Deportivo no que se deron cita máis de 105 parellas procedentes principalmente da Comunidade Autónoma Galega e de Portugal.
A Competición foi puntuable para o Ranking Nacional da FEBD (Federación Española de Baile Deportivo) e ademais celebrouse un Open Internacional de Bailes Standard (Valse Inglés e Quickstep) e Open Internacional Latino (Cha-cha-chá e Jive) para as categorías Xuvenil, Júnior, Youth+Adulto e Sénior.
Entre público e participantes o pavillón acolleu unhas 600 persoas que gozaron do espectáculo do baile durante as sete horas que durou o evento.
Como resultados máis importantes resaltaremos o 1º posto dos 5 veces Campións de España, Adrián Esperón e Patricia Martínez do Club PASOS-BAILEGALICIA, que gañaron nas Categorías Adulto Internacional, Estándar e Latino.
Conseguiron a 2º posición Adulto Internacional Latino e gañadores do Open Internacional Latino a parella portuguesa Joao Pedro Gómez e Nyna Ferreira.
Temos que resaltar a presenza de 30 parellas de Portugal, principalmente Braga, Porto e Lisboa, con destacada participación dos actuais campións de Portugal Estándar, Sergio Costa e Rita Almeida, que conseguiron a 2ª posición no Open Internacional Standard e Latino.
Tanto Adrián e Patricia por España como Sergio e Rita por Portugal viaxarán a próxima semana a Melbourne (Australia) para representar os seus respectivos países no Campionato do Mundo de Bailes Estándar (Valse Inglés, Tango, Valse Vienés, Slow Fox e Quickstep). As dúas parellas teñen como adestrador a Miguel Abreu do Club Pasos-Bailegalicia que colabora co Concello de Tui na organización da Competición de Baile Deportivo e no desenvolvemento de novos proxectos, como a creación da Escola Municipal de Baile Deportivo e da organización a curto/medio prazo dun Campionato Internacional "Eurocidade" conxuntamente coa Cámara de Valença no que participarían parellas de todo o mundo e que traerían a Tui e Valença máis de 500 bailaríns durante os 2/3 días que duraría este importante evento.
O Concello de Tui felicita á Escola de Baile Pasos, na figura do seu director Miguel Abreu, pola organización deste evento na nosa cidade, así como agradece o apoio da Cruz Vermelha de Valença e de Protección Civil de Tui.
Fotografia de Hugo Soares